Bandos Informativos Bandos Informativos

Atrás

Bando polo día da Patria 2016

Este ano 2016 celébrase o Centenario das Irmandades da Fala, un amplo movemento social, cultural e político xurdido no ano 1916 na Coruña e que axiña se espallou por todo o territorio para construír país. Como dicía Xoán Vicente Viqueira, un dos membros das Irmandades, serve a Galiza o que aproveita un salto de auga, o que fai frotificar dobremente un campo, o que escribe un poema, pinta un cadro, abre unha escola, fai ciencia... Neste colectivo inzado de amor á terra axiña se integrou Castelao e pouco máis tarde Manuel Antonio, ambos os dous levados polo seu fondo compromiso coa nosa nación. Rianxo presente na historia e xénese do galeguismo histórico que, desde esas irmandades iniciais, deu anos despois na creación do Partido Galeguista. Na exposición que a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e a Deputación da Coruña dedican ao proxecto das Irmandades itinerando por todo o país, non falta o manuscrito Máis Alá  do poeta, a estrela que preside tamén o seu Museo en Rianxo, o seu carné da Irmandade e outros obxectos deseñados e escritos por Castelao.

No Día da Patria Galega, 25 de xullo, Festa Maior de Galiza , debemos lembrar que esta festividade nace como unha iniciativa das Irmandades no ano 1920. Desde entón sempre tivo como eixo central a reivindicación dos nosos símbolos e a nosa identidade: a bandeira, o himno, a lingua. Mais non ficaron aí e as Irmandades comezaron a demandar o autogoberno para mellor encarar os problemas sociais e económicos na procura do desenvolvemento da nosa terra.

Desde un Rianxo que agarima a súa lingua desde o berce e a escola, que coñece e respecta o seu papel no eido da cultura galega e que continúa a exercelo. Un Rianxo que sabe tamén defender as súas riquezas produtivas e saír ás rúas na defensa das rías,
lembremos a manifestación contra a Lei de Acuicultura en febreiro onde o mundo do mar tomou Compostela cunha soa voz. Un Rianxo solidario nas familias que acollen nos veráns a crianzas dese pobo ocupado e invadido que é o Sáhara Occidental para liberalos uns meses da abafante calor dos campos de refuxiados.

Son razóns para a festa, para sentírmonos orgullosos nesta data da nosa existencia como nación, para a festa colectiva, mais tamén para seguir a ollar o futuro con preocupación polo aumento do traballo precario, pola desigualdade salarial que se incrementa, do devalo demográfico que non se atalla. Mais recollendo as palabras da revista A Nosa Terra, escritas para un 25 de xullo do ano 1934: non agardemos sentados pol'o noso Porvir, ouvindo a vos agoreira dos graxos escuros. Vaiamos cara a il, con confianza en nós mesmos... Desexando a todo o pobo de Rianxo unha feliz celebración nesta xornada despídome co berro das irmandades neste seu centenario, Saúde e Terra!