Bandos Informativos Bandos Informativos

Atrás

Bando polo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres lembramos que a violencia machista é a manifestación máis terrorífica das desigualdades de xénero e que non respecta fronteiras nin culturas. Unha realidade estrutural que afecta, segundo ONU Mulleres, a un 35% das mulleres do planeta. A pesar de levar anos lexislando a favor da igualdade de xénero dende todos os niveis de goberno, consideramos que os esforzos non son suficientes. No que vai de ano, podemos contar 99 feminicidios, aínda que as cifras oficiais rexistran 44 mulleres asasinadas por violencia machista no conxunto do Estado. Na última década, as estatísticas falan de 574 e 40 asasinadas a nivel estatal e galego respectivamente sendo, estes datos, a punta do iceberg do que realmente están padecendo as mulleres en situación de violencia e as súas fillas e fillos. Mais o 25 de novembro non é só un día para o recordo ás vítimas, o 25 de novembro debe ser un día para a acción, un día no que manifestar o noso compromiso contra as violencias machistas.

A loita contra as violencias machistas debe ser unha prioridade institucional e política, en todos os ámbitos que afectan á vida das nosas veciñas e veciños. Actuar sobre as violencias machistas supón recoñecer graves fendas de xénero no ámbito social, económico, cultural etc. E supón atallar as causas estruturais e sociais que substentan estas desigualdades a través do desenvolvemento de políticas de igualdade e do respecto minucioso aos dereitos humanos das mulleres.

Dende o Concello de Rianxo queremos expresar con firmeza, non só o noso rexeitamento ás violencias que sofren as mulleres polo mero feito de selo, senón tamén dar conta de que é algo que nos compromete a todas e a todos, axentes sociais, institucións, cidadanía, medios de comunicación, recoñecendo a importancia do papel das entidades locais en tanto poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres, os nenos e as nenas.

Este ano sumámonos á campaña en negro contra as violencias xunto a máis de setenta concellos e deputacións de Galiza. Rianxo en negro nas rúas, nos centros educativos, comercios, nos colectivos sociais e deportivos, na veciñanza en xeral. Desde o Concello de Rianxo queremos reiterar o noso compromiso para loitar pola erradicación das violencias contra as mulleres; amosando, ademais, o noso firme rexeitamento de quen a exerce e da complicidade de quen as silencia.

SEMPRE LIBRE E VIVA

Seguinte