Bandos Informativos

- Bando Informativo polo Día da Patria Galega - concelloderianxo

Bandos Informativos

Bando Informativo polo Día da Patria Galega

Veciños e veciñas, estamos perante o 25 de xullo, o Día da Patria Galega, unha xornada
de festa e reivindicación para o país escollida polas Irmandades da Fala o ano 1919,
como data de lembranza da patria natural. Ben podiamos chamarlle tamén o Día da
Matria, pensando no poeta cambadés Ramón Cabanillas que para se referir á nosa terra
escribe: Nai e Señora!

Neste 2014 cúmprense setenta anos que o noso grande Castelao editase a obra de
referencia do galeguismo e o libro máis significativo da cultura galega do século XX, o
Sempre en Galiza. Un libro escrito e editado no exilio en Bos Aires. Alí sería presentado
diante dun auditorio de máis de dúas mil persoas, conscientes xa entón da importancia do
seu contido. Castelao é de todos e todas as xentes de boa vontade, agora ben, compre
que gardemos coerencia e respecto co seu pensamento. Sempre en Galiza debera figurar
na biblioteca de cada fogar como guieiro do amor a terra. Cada páxina é unha chamada a
renovar este namoro.

Orgullosos de ser fillos dunha Terra pequena. Un pobo que se quere protexe os seus
sinais de identidade, entre eles o seu idioma propio. E isto implica garantirlle o seu futuro,
a presenza principal nos diferentes ámbitos cotiáns, sociais, administrativos e, sobre todo,
nun sistema educativo que é alicerce da súa pervivencia para as vindeiras xeracións.
Mais non śo é o idioma ou a cultura, un pobo que se quere avoga por unha banca propia,
que estea a carón da xente, a carón da empresa galega, onde o aforro do país se invista
no país e axude ao desenvolvemento económico da terra. Onde os resultados e a
rendibilidade redunden en beneficio da colectividade, da nosa sociedade, do noso tecido
empresarial.

O pobo que se respecta está disposto a asumir as súas responsabilidades no
autogoberno, na capacidade de decidir onde e como investir, onde e como recadar, desde
a progresividade fiscal, onde quen máis ten máis achega ao común. Este fundamento
básico que algúns pretenden cuestionar e modificar está xa plasmado tamén no Sempre
en Galiza da man e do pensamento dun compañeiro e irmán de Castelao, Alexandre
Bóveda.

Un pobo que se recoñece festexa os símbolos, máxime na Festa maior de Galiza que
Castelao desexaba ollar desde a saudade do exilio cun país embandeirado de azul e
branco. Por iso que, veciños e veciñas, penduremos bandeiras galegas nos balcóns de
Rianxo e cumpramos cos anceios do noso inmortal Castelao. Feliz 25 de xullo.

Adolfo Muíños Sánchez
Alcalde do Concello de Rianxo