Bandos Informativos

- Bando polo Día da Patria Galega 2018 - concelloderianxo

Bandos Informativos

Bando polo Día da Patria Galega 2018

Veciños e veciñas:

Desde 1919 as Irmandades da Fala fixaron o 25 de xullo como Día da Patria Galega polo seu significado de entre todos os días do ano. Desde entón é xornada de festa e reivindicación colectiva na nosa terra. Anos despois, en 1948, desde o exilio en Bos Aires (cúmprense 70 anos), Castelao pronunciou un célebre discurso chamado Alba de Groria para sinalalo como a Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos e galegas. Coa saudade e unha mistura de alegría e tristura pola distancia obrigada, di Castelao lembrar "un país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros e foguetes... evocando unha Santa Compaña de inmortaes galegos, figuras relevantes da súa historia". Tamén fala das infindas luciñas e vagalumes (o pobo) creadoras do idioma, das artes, dos usos e os costumes que son o feito diferencial galego.

Entre estes elementos diferenciais tócanos moi de preto a pesca do xeito, esta centenaria arte de pesca da xouba e sardiña, e nosa, que criamos a salvo tras o primeiro intento de ser eliminada polas autoridades europeas, coa complicidade das de Madrid e a pasividade das de Compostela. A mobilización do sector, máis de catrocentas familias, a maioría de Rianxo, freou a súa desaparición. Máis semella que molesta a pesca artesanal nas rías, molesta a súa sustentabilidade, a escasa pegada de contaminación, o seu escaso impacto no conxunto de capturas da sardiña atlántica... e volven á carga.

Por vez primeira, desde hai 25 anos, suspéndese a festa local que promove esta arte e este produto. E faise cun escrito frío, un “corta e pega” copiado doutros, elaborado nun frío ministerio afastado nas distancias e nos entenderes dos mares do país. Mandan a terra a centos de persoas no mellor momento da campaña, cando se vende a xouba en fresco para unha restauración de quilómetro 0 (esa a pé do produto), ou para o subministro da conserva de calidade.

Nesta data sinalada na que esixir maiores cotas de autogoberno, o xeito é símbolo e concreción da demanda de sermos cada vez máis donos e donas do noso futuro. Por supervivencia. É por iso que o sector demanda que o goberno galego faga súa a loita, estea á fronte e asuma o control dos seus mares interiores. E que nos protexa tamén de agresións medioambientais de grupos mineiros foráneos que augas arriba do río Ulla tentan ameazar as ribeiras e a ría que concentra o 80 por cento das bateas do país. Desde a ría de Arousa e desde Rianxo, demandamos a firmeza e a vontade de defender o noso, aquí e onde faga falta.

Veciñas e veciños, penduremos bandeiras galegas nos balcóns de Rianxo e teñamos un feliz 25 de xullo co corazón e a razón na terra, no mar, nos símbolos, nos elementos de identidade... Mais tamén defendamos os sectores produtivos cos ollos postos nun futuro que desexamos mellor e próspero para o noso país.