Bandos Informativos

- Bando sobre asesoramento na factura eléctrica - concelloderianxo

Bandos Informativos

Bando sobre asesoramento na factura eléctrica

O recibo da luz subiu un 83% desde o ano 2003, e desta porcentaxe un dez por cento máis nos últimos catro anos. É evidente que cada vez son máis numerosas as familias que teñen problemas para o pago destas facturas do subministro de enerxía eléctrica. No país dos mil ríos onde se produce boa parte da electricidade do estado español non escapamos desa alza de prezos disparada.

Nun mercado supostamente liberalizado, así se nos vendeu, a cidadanía encontraría propostas acordes á súa economía na procura de mellores ofertas dada a competencia entre as empresas e, sen embargo nos encontramos que non hai maneira de aforrar. E cando realizamos trocos, lemos hoxe mesmo nun xornal, di que os cambios rexistrados polos cidadáns realízanse con empresas que presentan os prezos máis elevados, o que demostraría que o consumidor doméstico non coñece ben as opcións dispoñibles ou non lle resulta fácil valoralas correctamente.

Alguén se encargou de elevar a complexidade de lectura dos recibos, de manter as letras pequenas nas ofertas, de poñer atrancos ás posibilidades reais que os veciños temos de aforrar na factura ou coñecer as alternativas ás grandes eléctricas. Non nolo poñen fácil, non queren que as empresas perdan cota de mercado e beneficios, mais debemos tentalo.

Todo isto motiva que desde o Concello de Rianxo lancemos esta proposta de asesoramento á veciñanza de Rianxo. Todos os xoves, de 10 a 13 h., na Casa do Concello un experto analizará cos veciños e veciñas a súa factura e tarifa na procura de erros para reclamar, das melloras posíbeis e das xestións na busca de acomodar o contrato ao que realmente se precisa.

Tamén dar información sobre o bono social do Estado ou o tícket eléctrico social da Xunta de Galicia para as familias con menos recursos.

Agardando sexa de utilidade para todos e todas.

Adolfo Muíños Sánchez
Alcalde – Presidente do Concello de Rianxo