Cultura e Educación Cultura e Educación

Centro Sociocultural - Auditorio
Rúa Autores da Rianxeira
15920 Rianxo. Localizar en Google Maps

981 100 688

cultura@concelloderianxo.gal

Concellería de Cultura, Educación, Xuventude e Normalización Lingüística

luns: 08.00 - 15.00
martes - venres: 08.00 - 22.00
sábados: 10.00 - 14.00 / 16.00 - 20.00

Cultura e Educación Cultura e Educación

Atrás

Exposición: "Nicaragua. O futuro"

A exposición "Nicaragua. O Futuro" amósase dende o 28 de xullo ata o vindeiro 28 de agosto no Auditorio de Rianxo, en horario de 09:00 a 14:00 horas. A mostra, pertencente ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, busca promover a interculturalidade e actitudes de respecto cara á poboación migrante. O Concello de Rianxo é socio do Fondo Galego para a Cooperación e a Solidariedade.

As fotografías foron realizadas por Felipe Carnotto na viaxe ao estado centroamericano que realizou como gañador da segunda edición do certame "Imaxes con Fondo", convocado polo Fondo Galego. Tras visitar os proxectos apoiados en Nicaragua por esta entidade, co Instituto de Promoción Humana-Somoto como socio local, o fotoxornalista ofrece, a través de vinte instantáneas, unha perspectiva en chave persoal sobre a vida cotiá, as paisaxes, as problemáticas, os soños e as esperanzas da poboación.

Completan a exposición catro paneis informativos sobre a cooperación internacional promovida polo Fondo Galego en Nicaragua, que inclúe máis de trinta proxectos, 17 deles desenvolvidos de xeito directo co Inprhu-Somoto en áreas como vivenda, saúde, auga e saneamento, formación, ou turismo sostible. A ONGD nicaraguana tamén ten acollido voluntariado do programa Vacacións con Traballo.

Felipe Carnotto gañou en 2014 o certame Imaxes con Fondo II, na categoría de persoas adultas, cunha fotografía sobre pesca artesanal. O fotoxornalista de orixe brasileira afincado en Vigo, que vén de realizar un traballo sobre a crise de persoas refuxiadas, publica en xornais como The Guardian, Der Spiegel, El País ou a revista Luzes, alén de contar cun posto de honra nos IPA Awards. Ao longo de 2016 impartirá obradoiros de fotografía en diversos institutos galegos co fin de animar á participación na terceira edición do concurso Imaxes con Fondo, que se convocará nos vindeiros meses.