Servizo de Deportes Servizo de Deportes

Casa da Cultura "Cuartel Vello"
Praza de Castelao, s/n.
15920 Rianxo. Localizar en Google Maps

981 86 63 81

981 84 36 29

deportes@concelloderianxo.gal

Concellería de Deportes e Patrimonio Histórico

Actualidade Actualidade

Atrás

Curso de Monitor de Fútbol Base en Rianxo

Rianxo vai acoller un Curso de Monitor de Fútbol Base, organizado pola Escola Galega de Adestradores e a Federación Galega de Fútbol, en colaboración do C.D. Unión e o Concello de Rianxo.

Na presentación deste curso participaron Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, Javier García, vicepresidente da RFGF, Yago Iglesias, delegado para o Barbanza do Comité Galego de Adestradores, Lois Ces, coordinador  do CD Unión, e Javier Reyes, delegado da RFGF en Santiago.

O curso é intensivo e celebrarase no Campo de Fútbol Municipal de Vilas (Asados) durante 3 semanas a partir do 3 de xuño, en horario de 19:30 a 22:30 de luns a venres e os sábados de 9 a 14 h.

Inclúe formación básica en técnica, táctica, metodoloxía, regulamento, psicoloxía... e vai dirixido a persoas con interese en adestrar en categorías de base.

Na súa intervención, Adolfo Muíños agradeceu ao CD Unión a súa mediación ante a RFGF para que este curso puidera celebrarse en Rianxo, ao tempo que lembrou que o Concello leva tempo apostando por unha formación deportiva de calidade nos clubs rianxeiros a través do Programa Deporte Base. Falou da tarefa común  de clubs e axentes deportivos de mellorar a cualificación dos adestradores para que poidan formar, non só no aspecto estritamente deportivo, se non tamén no relativo á educación en valores e na procura dunha competitividade san.

Javier García destacou que a Federación está apostando por traer á comarca do Barbanza actividades formativas, con numerosos cursos nos últimos anos. Sinalou a importancia na formación dos adestradores nas categorías de base, xa que para moitos nenos e nenas son o primeiro contacto con este deporte.

Iago Iglesias mostrou a súa satisfacción por presentar un curso na súa comarca e debullou os aspectos mais organizativos do curso, indicando que o prazo xa está aberto na páxina web da Real Federación Galega de Fútbol. O importe da matrícula é de 150 € e o número mínimo de participantes é de 15.

Pechou o acto Lois Ces, que agradeceu as facilidades dadas pola RFGF e o Concello de Rianxo. Destacou que a formación era un dos obxectivos da directiva desde que colleron o equipo fai dúas tempadas, sinal compromiso coa formación deportiva e futbolística dos rapaces/as da escola de fútbol.