Servizo de Deportes Servizo de Deportes

Casa da Cultura "Cuartel Vello"
Praza de Castelao, s/n.
15920 Rianxo. Localizar en Google Maps

981 86 63 81

981 84 36 29

deportes@concelloderianxo.gal

Concellería de Deportes e Patrimonio Histórico

Actualidade Actualidade

Atrás

Adrián Mosquera ó Campionato Europeo de Piragüismo

Adrián Mosquera, o padexeiro rianxeiro que milita no Club Piragüismo Rías Baixas (Boiro) vai participar coa Selección Española de Piragüismo no Campionato Europeo absoluto que se celebrará en Plovdiv (Bulgaria), a fin de semana do 15 e 16 de xullo.

Adrián partirá cara a Bulgaria o vindeiro martes e competirá en k1-l3 na distancia de 200 m. Este xoves, 6 de xullo, o Alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, fíxolle entrega dunha pa de fibra de carbono, coa que o Concello quere axudar a que o noso padexeiro cumpra cos seus obxectivos deportivos.

No acto, celebrado no Salón de Plenos de Concello, Adrián agradeceu a colaboración do Concello de Rianxo e do seu Servizo de Deportes, mostrándose moi orgulloso de levar o nome de Rianxo nas súas participacións en competicións por todo o territorio nacional e agora europeo.

Explicou que os seus obxectivos para este ano pasaban por gañar o Campionato de España e clasificarse para o Europeo e o Mundial. Os dous primeiros xa están acadados e ten pendente a clasificación para o Mundial, que pode lograr esta fin de semana no selectivo.

En canto ao obxectivo para o Europeo de Bulgaria, dixo non ter presión e pretende entrar na final A, na que considera un 5º ou 6º posto coma un bo resultado.

Adolfo Muíños destacou a traxectoria do padexeiro, recoñecéndoo como un dos mellores deportistas rianxeiros e da comarca do Barbanza. Ao entregar a pa de alto nivel coa que o obsequia o Concello, desexou que lle axudara no Europeo e mellorara o seu rendemento para acadar o mellor resultado posible.