Presentación Presentación

O galego, a lingua propia do noso país, ten pendente aínda o seu uso con normalidade en todos os ámbitos. Conseguir a súa normalización é unha obriga legal dos poderes públicos e das administracións, pero ademais, ao se tratar dun proceso social que implica a toda a sociedade, a administración local ten a responsabilidade social de traballar por ela e de promovela.

O Concello de Rianxo materializou o seu compromiso co idioma propio e oficial de Galicia coa creación do Servizo de Normalización Lingüística (1 de maio de 2017), co obxectivo de promover o proceso de normalización lingüística a través da galeguización do seus servizos e incrementar o uso e prestixio social da lingua galega en todos os ámbitos e sectores da sociedade rianxeira.

Entre os seu cometidos salientan as seguintes funcións:

ASESORAMENTO

  • Asesorar a administración en todo o relacionado coa política lingüística e velar polo cumprimento da lexislación en materia lingüística da institución municipal.
  • Corrixir textos, elaborar modelos de documentos, formularios e outras ferramentas que melloren a calidade lingüística e a comunicación da entidade.
  • Resolver dúbidas lingüísticas e difundir ferramentas e recursos para toda a veciñanza.

DINAMIZACIÓN

  • Fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade e contribuír a eliminar os prexuízos lingüísticos existentes.
  • Desenvolver programas e accións concretas que conciencien á sociedade e que promovan o uso do galego nas actividades cotiás da cidadanía en todos os ámbitos.
  • Promover e coordinar redes de traballo para fomentar o uso do galego entre a veciñanza, especialmente no ámbito asociativo, educativo e socioeconómico.

FORMACIÓN

  • Planificar, coordinar e difundir cursos de lingua galega, xerais e específicos, para a poboación en xeral ou para sectores concretos.
  • Difundir entre a cidadanía materiais que contribúan a mellorar a súa competencia lingüística e a promover a extensión do uso do galego.
  • Colaborar no deseño de programas de formación non-lingüística para garantir a presenza do galego e mellorar as actitudes lingüísticas.