NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Casa do Concello
Praza Castelao, 1 (planta baixa, antigo xulgado)
15920 Rianxo

981 86 00 75

normalizacion@concelloderianxo.gal

https://www.facebook.com/SNLRianxo/

Concellería de Cultura, Educación, Xuventude e Normalización Lingüística

luns a venres: 08.00 - 15.00 h

 

Normalización Lingüística Normalización Lingüística

Atrás

ENTRE ARROLOS E CONTIÑOS, con Migallas Teatro

As familias do Apego, e a rapazada rianxeira en xeral, teñen unha nova actividade de socialización e lecer en lingua galega: “Entre arrolos e contiños” é o nome desta sesión de contos con música destinada á xente miúda da casa, especialmente recomendada para nenas e nenos de 6 meses a 3 anos, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística dentro do programa Apego e que desenvolverán Beatriz Campos e Paulo Medal, de Migallas Teatro.


Nesta actividade a rapazada compartirá un momento de goce e aprendizaxe coas persoas que os coidan e educan, lonxe do ruído e das rutinas cotiás. Os contos e a música que os acompaña van procurar estimular a súa curiosidade e o seu interese pola literatura e a tradición oral en lingua galega xa dende os primeiros anos da súa vida, e contribuirán tamén a espertar a súa sensibilidade musical.


Para participar nesta actividade de balde, que se desenvolverá o sábado 12 de agosto, ás 12:00 h, no antigo Liceo marítimo de Rianxo, cómpre inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística (planta baixa do concello, antigo xulgado), ou a través do teléfono 981860075 ou do correo electrónico normalizacion@concelloderianxo.gal ata o 10 de agosto.


Nesa mesma sesión, as familias que se inscriban nestes días no programa Apego no Concello de Rianxo recibirán a caixa-agasallo de benvida ou o CD con música infantil.

Este programa procura a socialización en galego da primeira infancia para crear vínculos coa familia e para asentar o arraigo a esta terra e á nosa lingua propia.

 

IMAXES DA ACTIVIDADE