NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Casa do Concello
Praza Castelao, 1 (planta baixa, antigo xulgado)
15920 Rianxo

981 86 00 75

normalizacion@concelloderianxo.gal

https://www.facebook.com/SNLRianxo/

Concellería de Cultura, Educación, Xuventude e Normalización Lingüística

luns a venres: 08.00 - 15.00 h

 

LIGAZÓNS DE INTERESE LIGAZÓNS DE INTERESE

Normalización Lingüística Normalización Lingüística

Atrás

Resultados da fase local do CLUB DE DEBATE en Rianxo

Este sábado 7 de abril, o Auditorio de Rianxo acolleu a semifinal de zona do Club de Debate 2018, na que conseguiron o primeiro e segundo premios, respectivamente: o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, e o IES Luís Seoane de Pontevedra.


Nesta eliminatoria participaron 8 equipos, que debateron durante todo o día o tema proposto previamente: "A mocidade tamén ten actitudes e comportamentos machistas", para o que tiveron que presentar argumentos a favor e en contra en dúas quendas de debate, cuxos emparellamentos se determinaron por sorteo.

Os equipos participantes nesta fase local foron: dous do IES Sánchez Cantón e un do IES Luís Seoane, ambos de Pontevedra; dous do colexio San Narciso de Marín; un do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro e dous do IES Félix Muriel de Rianxo.

A xornada comezou ás 9.15 horas, coa entrega de acreditacións e coa presentación e benvida da concelleira de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística, Raquel García Abuín, e rematou ás 19.30 horas coa entrega de premios.


Cada equipo está formado por alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato, cun mínimo de catro membros e un máximo de dez, que non teñan feitos os 18 anos no momento da inscrición, e por unha persoa preparadora.

O xurado que cualificou os debates desta fase local estivo integrado por Mercedes Torres Hermida, profesora de cursos CELGA; Luís Pérez Barral, filólogo e membro da Mesa pola Normalización lingüística; Socorro García Conde, técnica de Normalización Lingüística; Marta Gómez Regenjo, xornalista; e Luís Gómez Aldegunde, profesor de secundaria e antigo preparador de equipos.

O Club de Debate é un proxecto para a dinamización lingüística entre a mocidade organizado polos Servizos de Normalización Lingüística de once concellos nesta edición de 2018: Ames, Carballo, Dodro, Ferrol, Narón, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, coa colaboración dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino secundario. A súa finalidade é contribuír ao uso oral do galego entre a mocidade e ofrecer recursos para a práctica de habilidades comunicativas e de relación interpersoal, promovendo a reflexión e o intercambio de opinións.

 

Os dous equipos gañadores da fase local en Rianxo participarán na fase final que se celebrará o 5 de maio en Ferrol, baixo o tema: "As TIC favorecen o uso do galego". Canda eles participarán tamén 4 equipos máis, os gañadores das outras fases locais, celebradas en Ames e Teo.