Normalización Lingüística

Peche do prazo de inscrición nos Premios Youtubeir@s e encontro para a comunidade creadora - Youtubeir@s 2019 - concelloderianxo

INFORMACIÓN XERAL

Casa do Concello
Praza de Castelao, 1 (planta baixa, antigo xulgado)
15920 Rianxo

981 86 00 75

normalizacion@concelloderianxo.gal

https://www.facebook.com/SNLRianxo/

Concellería de Cultura, Educación, Xuventude e Normalización Lingüística

luns a venres: 08.00 - 15.00 h

 

LIGAZÓNS DE INTERESE

Normalización Lingüística

Youtubeir@s 2019

Peche do prazo de inscrición nos Premios Youtubeir@s e encontro para a comunidade creadora

O Proxecto Youtubeir@s, que está organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Rianxo, A Baña, Carballo, Cedeira, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Ames, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, ten o obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua.  Youtubeir@s encara neste outono o treito final desta terceira edición. Así, até o vindeiro 27 de setembro permanecerá aberto o prazo de inscrición para que todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua poidan competir nos Premios Youtubeir@s, que neste 2019 repartirán  6.500 euros nas diferentes categorías en que se divide o certame.

Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.

Ademais destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns. As bases completas pódense consultar en www.youtubeiras.gal.

Encontro Youtubeir@: Lista de reprodución ao vivo

​​​​​​​
Consistente nun encontro directo entre youtubeir@s e seguidor@s, a Lista de reprodución ao vivo emula en certo xeito as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos "vídeos vivos". Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, a segunda fase abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias.

O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de formacion@youtubeiras.gal. O prazo remata o 30 de setembro. A cita será o 3 de outubro entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela).

Premio 1000 Primaveras para o proxecto máis innovador de normalización lingüística para Youtubeir@s

O Concello de Rianxo estivo presente na gala que tivo lugar este pasado sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra da entrega dos Premios 1000 Primaveras que outorga a CTNL - Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua aos mellores proxectos de normalización lingüística do país.

A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Adelina Ces, subiu a recoller o premio ao proxecto máis innovador, que recaeu en Youtubeir@s, e que comparte coas 15 entidades (12 concellos, 3 universidades e 1 Deputación) que colaboran na organización deste programa que está a encher a rede de vídeos en galego.