Notas de Prensa

- Nota de prensa: medidas de apoio ás familias en perigo de desafiuzamento - concelloderianxo

Notas de Prensa

Nota de prensa: medidas de apoio ás familias en perigo de desafiuzamento

O Goberno Municipal de Rianxo levará para a súa aprobación polo pleno de novembro de Rianxo unha serie de medidas de apoio ás familias ou persoas en perigo, actual ou futuro, de seren desafiuzadas polas entidades bancarias. Manterá como até o de agora o contacto coas plataformas comarcais de afectados para colaborar. Entre outras medidas impúlsase a:

  • Creación dunha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos, composta por responsábeis dos Servizos Sociais municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos. Estudará a posibilidade de axudas ao alugueiro e para evitar o corte de subministracións básicas como auga, gas ou luz e acceso banco de alimentos municipal.
  • Orientación e asesoramento legal aos/ás veciños do municipio que teñan problemas para facer fronte ao pago dos compromisos adquiridos para a compra das súas vivendas habituais e non acadasen un acordo previo coa entidade bancaria correspondente.
  • Interesar das entidades bancarias e de aforro información sobre posíbeis desafiuzamentos que afecten a familias do concello, a paralización dos que estean en marcha até que entre en vigor un novo marco legal e a súa colaboración coa Comisión Municipal creada para casos de desafiuzamento.
  • No suposto de falta de colaboración de entidades bancarias co Concello procederá na medida que sexa posíbel, a prescindir dos servizos que as mesmas poidan prestar ao Concello.
  • O Concello publicará na web municipal todos os datos das entidades bancarias socialmente comprometidas que paralicen os desafiuzamentos de vivendas radicadas no termo municipal, así como os nomes das que cooperen á hora de facilitar alugueres sociais substitutivos.
  • O Concello plantexará a redución máxima da cota tributaria do imposto de plusvalía para as persoas afectadas que sufran as perdas da súa vivenda en subhasta e para aquelas persoas que logren a dación da súa vivenda en pago da súa débeda, en aqueles supostos que a Lei o permita.
  • O Concello non facilitará a colaboración da policía local nos procesos de desafiuzamento das familias do municipio.

Instarase á Xunta de Galicia a que poña en marcha o servizo de Mediación hipotecaria ao tempo que reforce a política de aluguer social como medida paliativa de cara ás familias que se vexan expulsadas da súa vivenda habitual.

Instarase á Deputación da Coruña a que colabore co goberno autonómico nesta dirección, reforzando a coordinación e ampliación do gasto social dirixido a paliar os problemas da vivenda.

Reclamaremos unha nova Lei Hipotecaria que contemple entre outras:

  1. Dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda, garantindo o aluguer social da mesma vivenda sobre todo cando existan menores ou persoas dependentes.
  2. Moratoria para deixar o pagamento das cotas hipotecarias temporalmente en suspenso cando se produzan circunstancias económicas difíciles como a perda de emprego ou o peche dun negocio.