Notas de Prensa

- Nota de prensa sobre a posta en marcha do dominio .gal no Concello de Rianxo e a migración ao Software Libre - concelloderianxo

Notas de Prensa

Nota de prensa sobre a posta en marcha do dominio .gal no Concello de Rianxo e a migración ao Software Libre

Con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello de Rianxo está a completar a posta en marcha do seu dominio rianxo.gal. Todos os contidos da web municipal están incorporados ao novo dominio.

Ademais dos contidos que migraron ao novo dominio os correos electrónicos dos diferentes departamentos xa atenden pola nova denominación .gal.

Sumámonos así ao proceso iniciado pola sociedade civil de Galicia que impulsou o recoñecemento do puntogal como dominio galego en internet e que da visibilidade no mundo dixital ao noso país.

E, tamén nesta xornada compartida polas nosas letras co Día de Internet, o concello pon en valor tamén a Migración ao software libre do Concello de Rianxo.

O Concello de Rianxo está a completar a migración de todos os seus sistemas informáticos a Software Libre.

O Software Libre é aquel que garante dereitos e non impón prohibicións a quen o utiliza, e en consecuencia permite coñecer como está feito e como funciona e non impón restricións sobre a finalidade do seu uso.

A liberación do software e dos formatos de documentos é un compromiso cunha filosofía de transparencia, garantía de seguridade e privacidade, liberdades de uso, cometido e elección, e universalidade do coñecemento.

As administracións públicas teñen o deber moral de serviren de referente na liberación dos sistemas informáticos das estratexias empresariais prohibitivas e monopolizadoras coa fin de conseguir unha independencia tecnolóxica que garanta unha compatibilidade plena de programas e documentos entre sistemas agora e no futuro.

Como consecuencia, a adopción de sistemas libres supón tamén un aforro en licenzas de uso que o único que fan é restrinxir o uso que lle podemos dar a ese software que priva de liberdades.

Todo proceso de cambio supón de entrada un esforzo por parte de todos os axentes implicados. No caso do Concello de Rianxo todo o proceso foi relativamente sinxelo e gradual, sen grandes problemas e con relativa axilidade na solución das complicacións, grazas tamén á comprensión e paciencia do persoal municipal.

Aínda non está todo o proceso rematado e quedan ocos por resolver, pois non todas as administracións coas que o Concello de Rianxo ten interacción electrónica proporcionan ferramentas compatibles con todas as plataformas tecnolóxicas, pero é un camiño que avanzou moito nos últimos anos e no que se seguen a dar pequenos pasos continuados, aos que hai que sumar a boa disposición dos servizos informáticos da Deputación da Coruña, dos que depende gran parte do noso funcionamento interno, que están a facer o esforzo de adaptar as tecnoloxías existentes a todas as plataformas para dar entrada aos concellos que, coma nós, veñen apostando polo Software Libre.