Promoción económica, Desenvolvemento local e Comercio Promoción económica, Desenvolvemento local e Comercio

Atrás

Curso de VENDA POR INTERNET


O INICIO DO CURSO TRASLÁDASE AO VENRES 11 DE MAIO
Amplíase o prazo de inscrición neste curso ata o vindeiro xoves 10 de maio.
 

A Concellaría de Promoción Económica e mais o Servizo de Normalización Lingüística organizan unha nova actividade de dinamización dentro da campaña “En Rianxo, ao noso xeito”.

Trátase dunha actividade formativa titulada EMPEZAR A VENDER EN INTERNET, que está destinada a empresas e persoas autónomas e desempregadas que teñan interese en aprender as vantaxes e o funcionamento que ten internet para vender e/ou ofrecer os seus produtos e fidelizar a clientela.

A formación será impartida por Agustín Pérez, diplomado especialista en Dirección e Xestión de Empresas Turísticas, cun mestrado en Dirección e Planificación do Turismo. Ademais de desenvolver unha actividade investigadora, realizou tamén un recente estudo para a Deputación Provincial da Coruña en materia de mercadotecnia turística, e conta con máis de 5 anos de experiencia como docente nas especialidades de mercadotecnia dixital, comercio electrónico, empresa e turismo.

 

O programa do curso inclúe unha introdución á venda en liña, con especial referencia ao pequeno comercio; como poñer en funcionamento unha web propia de vendas, ferramentas técnicas e recursos para fidelizar a clientela, xunto co deseño e elaboración da propia web.

 

Está destinada a empresas locais, especialmente ao comercio e á hostalaría, pero tamén a traballadoras autónomas que poidan precisar destas ferramentas e a persoas desempregadas.

 

O curso é de balde e cómpre inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo (planta baixa do antigo xulgado), no teléfono 881 988 891 ou a través do correo electrónico normalizacion@concelloderianxo.gal

 

Celebrarase os martes e venres de maio e o 1 de xuño, na aula multimedia do auditorio de Rianxo, en horario de 20.30 a 22.30. O curso comeza o venres 4 de maio.

 

O obxectivo desta actividade é dinamizar o sector económico rianxeiro e facilitar melloras para os negocios locais, para ofrecer un mellor servizo e ampliar o ámbito de influencia das empresas rianxeiras.


 

Seguinte