O concello de Rianxo está a elaborar o II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. Este proceso estase a construír dende unha perspectiva participada, tendo en conta ás opinións e percepcións do persoal técnico de todas as áreas municipais, o persoal político, os axentes sociais e económicos, a comunidade educativa e as mulleres rianxeiras.
O II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de Rianxo pretende ser unha folla de ruta que fixe o traballo a desenvolver nos vindeiros catro anos (2019-2022) en materia de igualdade de xénero. O documento contemplará políticas e accións que se liderarán dende as diferentes áreas municipais, o obxectivo é posicionar á igualdade de xénero como un tema fundamental na axenda municipal.
O proceso comezou no mes de novembro de 2018, as diferentes fases de traballo foron as seguintes:
Análise dos datos estatísticos oficiais, para así localizar as desigualdades de xénero que se reproducen no municipio.
Entrevistas e cuestionarios dirixidos ao persoal técnico responsable das diferentes áreas municipais.
Xuntanza de traballo do persoal técnico.
Reunión de traballo común entre representantes da comunidade educativa e tecido veciñal, deportivo e cultural.
Espazo de reflexión e de construción de propostas entre mulleres rianxeiras.
Devolución do traballo e validación de propostas por parte de representantes do pleno municipal.
O persoal técnico reúnese para fixar compromisos de traballo arredor do borrador do Plan.
A día de hoxe estamos na última fase, xa redactando o documento final para a futura aprobación do mesmo no Pleno Municipal.