Actualidade

- Inicio do Campamento de Verán e Plan Madruga 2021 con 140 participantes - Concello de Rianxo

Actualidade

Inicio do Campamento de Verán e Plan Madruga 2021 con 140 participantes

Esta semana deu comezo o Campamento de Verán Rianxo 2021, que conta con 140 participantes que, desta vez, se realiza de maneira descentralizada nas instalacións Pazo de Rianxiño, CEP Brea Segade de Taragoña e CEIP Ana Mª Diéguez de Asados.

A duración do campamento é de dous meses, do 5 de xullo ao 27 de agosto, en horario de 10.30 a 13.30 h. Contan ademais cun servizo de Plan Madruga para fomentar a conciliación de familias traballadoras desde as 08.00 h, que conta con 30 usuarios/as, unha cifra inicial que se tivo que aumentar para dar cabida ás solicitudes presentadas. Todas as familias de Rianxo que así o desexaron puideron incorporarse ao campamento de verán. É unha boa nova a recuperación da grande asistencia a actividade despois do ano marcado pola pandemia que baixara as inscricións á metade.

Despois dunha semana de actividade, o alcalde, Adolfo Muíños, xunto á concelleira de Cultura e Mocidade, Raquel García, deron a benvida ás participantes no Pazo de Rianxiño, visitando as instalacións e os distintos grupos, visita que se estenderá aos outros espazos ao longo desta semana.

As actividades que se van desenvolver teñen a igualdade entre as participantes e o coidado e respecto do medio coma piares básicos. Realizaranse as actividades propias dos campamentos, como xogos, obradoiros, deportes, xincanas e tamén haberá saídas a lugares de interese e a participación en actividades socioculturais, mais sempre respectando as medidas de prevención da Covid-19.

Na programación do campamento contaremos tamén coa colaboración doutras entidades como a Escola de Música de Rianxo, Fousas ao monte, Festival Titiribeira, que participarán con distintos obradoiros, visitas, actuacións... que complementarán estes dous meses de actividade.

Se desexan máis información sobre este programa, poden contactar co Servizo de Xuventude (Tlf. 981 100 688 - 664 181 401 - Correo-e - xuventude@concelloderianxo.gal).