O Concello de Rianxo aprobou nun pleno extraordinario este venres 16 de maio o proxecto de saneamento da Laxe-Outeiro en Taragoña a incluír no plan DTC 93 da Deputación da Coruña. Contou coa aprobación unánime da corporación e conta cun orzamento de 156.000 euros.
Este proxecto previsibelmente se acometerá, logo da súa remisión á Deputación, ao longo deste mesmo ano. Conta con diferentes permisos sectoriais de patrimonio, estradas da Xunta e Augas de Galicia e permitirá ademáis de dar servizo ás vivendas desta zona, amplialo á escola unitaria de Outeiro. Serán precisos para o seu funcionamento dotalo de varios bombeos para salvar os desniveis existentes.
Este proxecto se suma a outros proxectos a executar nesta anualidade como o de saneamento da Casilla, no Araño, incluído no Plan de Obras 2014 (POS) completando así unha zona importante entre as parroquias de Araño e Taragoña que estaba sen o sameamento municipal. A dispersión entre vivendas dificulta e multiplica os custes da obra pública polo que é preciso ir dando pasos pouco a pouco para ir achegando servizos á poboación e conectando coa rede existente.
Neste mesmo verán o Concello de Rianxo dará servizo de auga municipal a toda a estrada de Taragoña entre Campo de Pasos e Casa Pachín, mediante unha pequena obra a executar nas vindeiras semanas polo persoal municipal. Un importante número de vivendas ao longo dese vial comarcal quedará en condicións de abastecerse de auga da traída.