Actualidade

Este mediodía, o alcalde do municipio, Adolfo Muíños, asinou o convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, representada polo seu presidente Anxo Angueira - O Concello de Rianxo convértese en Mecenas da Casa de Rosalía - Concello de Rianxo

Actualidade

O Concello de Rianxo convértese en Mecenas da Casa de Rosalía

Este mediodía, o alcalde do municipio, Adolfo Muíños, asinou o convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, representada polo seu presidente Anxo Angueira

​​​​    • En virtude deste convenio, tanto os escolares do municipio como as asociacións culturais poderán ter visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía. En tempos de COVID-19, a veciñanza de Rianxo poderá visitar o museo de xeito gratuíto.

    • Anxo Angueira: “Esta nova crise supuxo un duro revés. Grazas a estes apoios estamos resistindo e afrontamos o futuro coa maior das ilusións”.

    • O vindeiro 6 de marzo plantarase no Pazo de Rianxiño unha figueira da Casa da Matanza en Padrón.

Padrón, 25 de febreiro de 2021. Adolfo Muíños, o alcalde do Concello de Rianxo, asinou esta mañá o convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, que o converte no noveno concello Mecenas da Casa de Rosalía dentro do proceso de subscrición popular para implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da causa común da Casa da Matanza, “que é a causa común de Galicia”, en palabras do seu presidente, Anxo Angueira.

En virtude deste convenio anual polo que o Concello de Rianxo achega 1.000 euros, tanto os escolares do municipio como as asociacións culturais poderán ter visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía. Porén, dado que estas visitas non están permitidas por mor das restricións da COVID-19, mentres, a veciñanza de Rianxo poderá visitar o museo acreditando documentalmente a súa procedencia.

O presidente da Fundación e o alcalde plantarán unha figueira do xardín da Casa de Rosalía no Pazo de Rianxiño o vindeiro sábado 6 de marzo, como parte do protocolo de sinatura de amizade e de unión entre Padrón e Rianxo.

Centos de persoas de todo o país -e máis alá- xa se converteron en Amigas da Casa de Rosalía ao apoiar desde 20 euros ao ano a independencia económica e cultural desta institución, así como a súa sostibilidade financeira. A subscrición popular está a ser un grande éxito e moitos pequenos negocios tamén son xa protectores (desde 60€/ano), así como varias grandes empresas da comarca, que xunto cos concellos poden exercer de Mecenas da Casa a partir de 1.000 euros ao ano.

“En 2019 acadamos unha taxa de autofinanciamento próxima ao 50%, que é unha cifra considerable”, afirmou Anxo Angueira. “Porén, esta nova crise supuxo un duro revés. Grazas a estes apoios estamos resistindo e afrontamos o futuro coa maior das ilusións. Seguiremos intentando facer o mellor servizo posible á causa da difusión nacional e internacional do legado de Rosalía e da súa familia”.

Segunda subscrición popular

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vinculadas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galiza e a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración; uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitáronse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Case 50 anos despois, esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.

Vídeo “Faite Amiga/o da Casa de Rosalía”: https://youtu.be/W1QPHjEWAFM

 

​​​​​​​​​​​​​