O Concello de Rianxo está a acometer unha fase máis do cambio do peche perimetral do Colexio Brea Segade de Taragoña. Neste caso adoptou un modelo novo de peche, con formigón que permite un repintado multicolor como neste caso. A solución á vez que segura para o alumnado dá un aspecto alegre e renovado a todo o frontal precisamente pola gama de cores empregada. Nestes momentos esta fase está practicamente rematada. Pola súa vistosidade reservouse este material para o frontal do Colexio co que adquire un novo aspecto.
Esta actuación completarase durante a Semana Santa co reasfaltado dunha zona de xogo e do aparcadoiro do centro, eliminando bordes da aceira e instalando tamén unha canalización de pluviais por medio dunha rexilla. Tamén se realizou unha limpeza da parte traseira para mellorar a zona de xogos e se prevé a instalación de elementos de xogos acorde á contorna natural
As actuacións realizadas están a correr a cargo integramente da Brigada de Obras do Concello que se implicou neste proxecto que cambiará ao completo un peche degradado co paso dos anos. Cando remate estes días a fase restarán uns 50 metros onde xa se adoptará un modelo de peche máis tradicional que se prevé acometer antes do remate do curso.
Proxecto remodelación Patio Cuberto
Con cargo ao plan único da Deputación sacarase á licitación pública o proxecto de remodelación do patio cuberto do Centro por 63.000 euros, proceso que quedou inconcluso pola negativa das empresas a realizalo e que se dota con 30.000 euros adicionais do Concello para chegar aos 93.000 euros co que será máis atractivo nun novo concurso de licitación.