Actualidade

- Primeiros pasos no programa de vivenda baleira en Rianxo - Concello de Rianxo

Actualidade

Primeiros pasos no programa de vivenda baleira en Rianxo

O Concello de Rianxo, adherido ao programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia, mantivo este mércores 23 de novembro unha xuntanza no Instituto galego de Vivenda e Solo cos técnicos para constituír a Comisión de Seguimento do programa. Existe moito interese por parte do Concello en poñer todas as ferramentas posíbeis para dotar de vivendas dignas de alugueiro e a prezos taxados.

No transcurso de dita comisión o Concello, representado polo alcalde e a responsábel do departamento de servizos sociais, aprobaron o documento guía que permitirá a incorporación de vivendas con renda taxada e a incorporación de solicitantes ao programa. Este permitirá un alugueiro con garantías de cobro aos donos dos pisos a alugar, ademais dun seguro multirrisco do fogar. O documento aprobado esixe tamén unha renda mínima e uns baremos máximos por parte dos solicitantes para acollerse.

Nisto fíxose fincapé especialmente, na obrigatoriedade de ter garantidos uns recursos mínimos por parte dos que se queiran incorporar para garantir o pago sostido das rendas de alugueiro. E que se poden complementar, nalgúns supostos excepcionais, con outro tipo de axudas sociais postas en marcha pola xunta como o Bono de alugueiro social, compatíbel con este programa.

As bases recollen tamén os modelos de solicitude da veciñanza, da inspección técnica dos inmobles, do prazo e cláusulas dos contratos, do proceso de adxudicación e de resolución das incidencias, tendo en conta unha serie de colectivos prioritarios para resolver nese procedemento de adxudicación. Unha guía completa do camiño a seguir.

O Concello de Rianxo xa sacou un bando cos contidos do programa, tanto para a incorporación das vivendas como dos posíbeis beneficiarios, para difundilo entre a veciñanza da localidade, tendo como puntos de información os Servizos sociais do Concello e para inscribir os pisos no rexistro de vivendas encargarase a área de rehabilitación integral (ARI) do Concello.

Na xuntanza trasladouse unha valoración moi positiva por parte dos técnicos do IGVS ao traballo realizado por Rianxo, que é un dos primeiros acordos de comisións de seguimento en toda Galicia dando o impulso de saída ao programa.

Cando remate o proceso para recibir definitivamente as vivendas das Casas dos Mestres en Rianxo, pendente de ratificación do pleno de Rianxo, tras a súa restauración valorarse tamén a súa inclusión (de parte ou a totalidade) neste convenio.