O Pleno do Concello de Rianxo acordou, por unanimidade, acollerse a unha subvención do IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía), un organismo adscrito ao Ministerio de Energía, Turismo e Agenda Digital, para renovar a iluminación exterior do municipio.
É unha convocatoria de axudas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a una economía baixa en carbono, no marco do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostíbel 2014-2020.
Rianxo acolleríase á Medida 6, renovación da instalación da iluminación exterior.
O proxecto proposto case chega ao máximo importe permitido por solicitude, de 998.395,10 €, que sería o custo total subvencionábel. Divídese entre unha parte de 798.716 € de Fondos Feder (80%) e o 20 % restante a cargo do concello.
O proxecto desenvolverase a partir da resolución positiva do Ministerio, a seis meses da publicación dos pregos, en trece meses do inicio da obra. A posta en servizo definitivo deberá estar aos 29 meses, segundo o cronograma que se xunta no proxecto.
Actuarase sobre 2693 puntos de luz dos existentes (4392), o que representa o 60% das luminarias do Concello, e sobre sesenta dos noventa e un cadros de luz.
A potencia instalada baixará de 233.390 Kw anuais a 110.630 Kw, o que en kwh implica reducir de 15420 a 9756 kwh.
Deste xeito prevese un aforro económico do 59,83% da actual factura ou duns 75.821 euros ano (baixaría de 126.000 € a 50.905 €). Isto supón a amortización da achega municipal en tres anos.
En baixada de carbono, que é un dos obxectivos do plan, prevese pasar de 525 toneladas de emisión a 210 toneladas anuais. Tamén reduce a contaminación lumínica.
Conta con informe favorábel da intervención municipal.
A posición do concello no lugar 512 dos municipios menores de 20000 habitantes que poden acollerse a estas axudas é moi favorábel para conseguir os fondos necesarios.