Actualidade

- Seis estudantes do IES Félix Muriel de Rianxo farán prácticas en Irlanda polo programa Erasmus+ - Concello de Rianxo

Actualidade

Seis estudantes do IES Félix Muriel de Rianxo farán prácticas en Irlanda polo programa Erasmus+

Grazas ao Programa Erasmus+, seis estudantes do IES Félix Muriel de Rianxo do Ciclo de Atención a persoas en situación de dependencia viaxarán ata a República de Irlanda para facer as súas prácticas na Asociación Ikkaido, na sede que ten na cidade de Tralee, no condado de Kerry.

Por cuarto ano consecutivo, aínda que non foi doado, o instituto rianxeiro segue apostando pola internacionalización do seu centro de ensino a través dos seus proxectos.

A pesar da pandemia da COVID-19, Nerea, Noa, Mariña, Diana, Valeria e Marcos, como apunta o director do centro Ramón Veiga, “emprenderán a súa viaxe seguindo todas as medidas de seguridade e indicacións das autoridades sanitarias. Todos os nosos estudantes viaxarán coa súa PCR negativa e terán que facer unha corentena de catorce días á súa chegada. Desde o centro estamos a facer un meticuloso traballo para que todos eles vaian con todas as garantías e con toda a tranquilidade para que poidan desfrutar desta experiencia única”.

Estes embaixadores rianxeiros foron recibidos polo alcalde do Concello de Rianxo, Adolfo Muíños, quen lles desexou unha boa viaxe e estancia na que farán un importante labor durante tres meses na illa, apoiando persoas con diversidade funcional e persoas de colectivos sensibles.