Actualidade

Convenio Colectivo, Acordo Regulador e Regulamentos de Teletraballo e Segunda Actividade son os catro textos aprobados - Unanimidade nos acordos en materia de persoal en Rianxo - Concello de Rianxo

Actualidade

Unanimidade nos acordos en materia de persoal en Rianxo

Convenio Colectivo, Acordo Regulador e Regulamentos de Teletraballo e Segunda Actividade son os catro textos aprobados

O Pleno Ordinario do último xoves de marzo do Concello de Rianxo recolleu a aprobación por unanimidade de importantes documentos referidos ao persoal municipal. Así, viron luz verde do pleno o Convenio Colectivo para o persoal laboral, o Acordo Regulador para o persoal funcionario, e dous Regulamentos: o de Teletraballo e o de Segunda Actividade.

O Comité de Empresa e a representante do funcionariado tomaron a palabra no pleno para expresar o seu agradecemento pola boa disposición negociadora na parte empresarial, neste caso representada polo alcalde. Esta amosouse sempre desde a disposición para a aprobación en Mesa Negociadora primeiro e no pleno despois, así como tamén hoxe dos partidos políticos que constitúen o Pleno para amosar o respaldo ás normas que se aprobaron que regulan dereitos e deberes en materia laboral. Logo da súa aprobación serán publicadas no Boletín da Provincia (BOP). Avogaron por seguir con este clima de confianza e traballo para acadar un dos documentos que resta para o cadro de persoal como é a RPT.

O alcalde tomou a palabra para recoller esta vontade de continuar a traballar neste camiño e quixo expresar o importante destes acordos aprobados. Sen dúbida o que ten que ver co convenio e acordo, básicos na relación laboral nunha empresa, homologando a todo o cadro de persoal, mais tamén fixo fincapé nos dous regulamentos que dan garantías para o teletraballo e moi especialmente no que ten que ver coa chamada segunda actividade.

O regulamento de segunda actividade permite manter a relación laboral co Concello nun posto diferente do de entrada cando sobreveñen situacións físicas ou doutro tipo que impiden o normal funcionamento da súa actividade, evitando así xubilacións prematuras que dan lugar a unha quita importante dos recursos económicos dos traballadores. Estes poderán ir a outro traballo acorde coa súa nova situación e onde poidan desenvolver actividades menos esixentes no físico como conserxerías, atención ao público, uxieres, administrativas, entre outras. Postos de relevancia e utilidade tamén que se acomoden ás súas posibilidades. Isto, que na medida do posíbel xa se estaba a dar con varias persoas do Concello, adquire unha norma que a xeneraliza no caso do Concello.

O alcalde deu tamén as grazas aos representantes dos traballadores pola súa implicación na redacción dos textos, mais tamén na súa profesionalidade e dedicación, ás veces en situacións complexas como a destes anos da pandemia. O regulamento de teletraballo, adaptado a partir do da Xunta de Galicia para o seu persoal, será outra das guías de actuación nese campo a partir de agora.

Nos apartados de Mocións foron aprobadas por unanimidade as presentadas, algunha con pequenos trocos froito da negociación in voce (no propio pleno). Catro foron as presentadas por Rianxo en Común, unha do propio BNG e outra que se converteu en Declaración Institucional. Son as seguintes:

  • Cobertura dun segundo pediatra no Centro de Saúde de Rianxo
  • Remate de beirarrúas na AC305 entre A Casilla e As Pedriñas máis a inclusión de seguridade vial en Campo de Pazos (Taragoña) seguindo o modelo elaborado pola Fundación RIA.
  • Solicitar da Xunta medidas de recuperación do estado xeral da ría de Arousa eliminando verquidos
  • Petición de parada para escolares no Moroso na marquesiña existente.
  • Apoio á asociación de veciños do Araño na reclamación da reestruturación parcelaria.
  • Apoio á Iniciativa Lexislativa Popular para no Parlamento debatela no que atinxe á dignificación e recuperación do Himno Galego.