A Xunta de Goberno do Concello de Rianxo deu na xuntanza extraordinaria celebrada o martes 11 de abril deu vía libre á solicitude presentada pola Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta de Galicia, na que se solicitaba licenza municipal para as obras contidas no Proxecto Básico e de Execución de Base Integrada de Unidades Operativas (BUO) de Rianxo.
Este proxecto que se vai desenvolver nunha parcela de equipamentos no Parque Empresarial cedida polo Concello de Rianxo a Medio Rural implicará a construción dunha base contra incendios forestais permanente no que é a primeira base operativa na comarca.
Presenta un orzamento de 441.391,55 euros para desenvolver este proxecto e un prazo de execución de seis meses. Entre as características deste equipamento sinala que se crea un espazo adicado á defensa do monte, pero tamén coa vontade de converterse nunha das iconas do Parque Empresarial de Rianxo polos materiais empregados e por minimizar o impacto da edificación prevendo futuras ampliacións..
Trátase de xerar un contedor de servizos de protección forestal, que poda funcionar como nodo de todos os axentes participantes neste labor, favorecendo a conciliación entre descanso e traballo dos brigadistas, pero sen esquecer a integración nunha contorna tan sensible.
Para minimizar o impacto da edificación, optouse por fragmentar o seu volume, en tres ás diferenciadas, unha aberta, e outras dúas consistentes nuns volumes pechados. Tamén polo uso do castiñeiro e piñeiro como elementos construtivos ou a cuberta axardinada ou as cores que se empregarán.
Outro dos mecanismos de integración é a inclusión de parasois emparrados e que voan sobre a paisaxe, minimizando o impacto do soleamento na área de comedor e descanso.
Pegada de carbono negativa
Ademais de procurar unha construción quilómetro cero, empregando sistemas construtivos e materais de proximidade, coa construción en madeira, obtense unha pegada de carbono negativa.
Ademáis da propia construción, a eficiencia enerxética en tódalas instalacións, con sistema de climatización por aerotermia, recuperadoras de calor, e sistemas de control e regulación para as luminarias LED.