A Fundación RIA, en colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas, desenvolverá un acto de participación e reflexión sobre a estrada AC305 ao seu paso por Taragoña. Ambas as entidades buscan mellorar a seguridade e recuperar a identidade dos núcleos de poboación litorais do Barbanza. O acto aberto ao público -ata completar aforo (50 persoas) -, terá lugar o vindeiro luns 29 de novembro no centro cultural de Taragoña, Rianxo de 17:00 a 19:00. Para a organización do evento a Fundación RIA conta co apoio do concello de Rianxo.
Antecedentes Tras a elaboración dun anteproxecto para a humanización da AC-305 ao seu paso por Palmeira –cuxo proxecto de execución xa foi licitado e está a ser redactado nestes momentos– a Fundación RIA subscribiu en decembro de 2020 un convenio de colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Grazas a este convenio, a Fundación RIA desenvolve un estudo xeral da estrada AC305 que percorre o litoral do Barbanza e elaborará propostas de intervención para mellorar a seguridade e recuperar a identidade urbana de 5 núcleos de poboación.
Obxectivo da xornada O acto de participación e reflexión é unha das actividades recollidas no convenio subscrito entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Fundación RIA. Os actos participativos buscan fomentar o debate coa poboación local para incorporar criterios subxectivos sobre a seguridade da vía e reflexionar sobre os valores patrimoniais, urbanísticos e identitarios da contorna. A xornada permitirá reflexionar sobre o tramo que percorre Taragoña á altura do Campo de Pazos e que foi escollido para próximas actuacións. A través da participación de diversas personalidades locais, farase un percorrido pola memoria e identidade da rúa, destacando os seus valores característicos e identificando as súas necesidades.