Zona da Zanfona é un evento único na Península Ibérica, un festival temático sobre o instrumento que celebra máis unha vez o seu encontro anual na ría de Arousa. Organizado por aCentral Folque e promovido desde o Concello de Rianxo cumpre 15 anos neste 2019. Acontece na primeira semana do mes de xullo co miolo da programación entre o venres 5 e o domingo día 7 cun programa para todos os públicos, aquelas persoas curiosas no instrumento que queren achegarse a el ou que o descoñecen, músicos especialistas e público en xeral que buscan o solaz na escoita deste fabuloso instrumento. aCentral Folque leva vinte anos divulgando os seus sons e este encontro é a data sinalada no calendario anual. O ZdZ ofrece na vila mariñeira e literaria de Rianxo unha desculpa para vir e desfrutar de concertos, cursos e convivencia arredor da zanfona.
Os concertos deste ano presentan discos de músicos que xa teñen pasado polo festival en anos anteriores: Germán Díaz e Benxamín Otero coas “13 cancións bonitas” o venres 5 de xullo e Obal con “Baile en Massó” o sábado 6 de xullo. Para abrir os ouvidos, haberá entremés “O conto da zanfona” con María e Manuela, adaptación da fabulosa historia da cega Rosa María do Val. Os concertos celebraranse na praza Rafael Dieste con entrada libre e a partir das 22.30 h.
O domingo 7 de xullo pola mañá quere ser máis un ano, o escaparate da vitalidade da zanfona en Galicia cun convite a todas as escolas do país para o Palco ZdZ, un xantar e unha foliada.
Como petisco e apertura do festival, repítese a animación do mercado semanal de Rianxo dos mércores co concerto ambulante e presentación aos medios, a cargo de Alba María e Ariel Ninas.
Os cursos desta edición para zanfona están impartidos por Óscar Fernández na iniciación e Paulo P. no nivel avanzado. Hai tamén un curso de danzas galegas e europeas, como preludio para o baile do sábado, a cargo de Mercedes Prieto.
O ZdZ continua tamén coa divulgación do repertorio zanfoneiro coa segunda entrega do Cancioneiro #ZdZ, publicación de acceso gratuíto e descarga libre que pretende ser unha escolma de cancións coas achegas dos docentes de escolas de zanfona de Galicia para ter un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis.
Toda a información, programa completo e inscricións