Anuncios

- Anuncio da publicación definitiva do Regulamento do Rexistro Municipal de Entidades Asociativas - Concello de Rianxo

Anuncios

Anuncio da publicación definitiva do Regulamento do Rexistro Municipal de Entidades Asociativas

O REGULAMENTO DO REXISTRO MUNICIPAL DE ENTIDADES ASOCIATIVAS DE RIANXO foi aprobado inicialmente na sesión do Pleno da Corporación o 25/01/2018.

Tras o período de exposición ao público, ao non producírense reclamacións, o texto dáse por aprobado definitivamente e publícase para o seu xeral coñecemento, en cumprimento do artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Contra o acordo pode interporse un recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses dende o día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Anuncio de publicación definitiva do Regulamento do Rexistro de Entidades Asociativas

 

REGULAMENTO DO  REXISTRO MUNICIPAL DE ENTIDADES ASOCIATIVAS  DE RIANXO

Capítulo I.- O Rexistro municipal de entidades asociativas:  finalidades e funcionamento

Artigo 1.  Natureza e obxectivos
O Rexistro municipal de entidades asociativas artéllase como unha ferramenta de carácter público que ten como finalidade dispoñer dun coñecemento actualizado das entidades existentes no termo municipal, así como dos seus fins e representatividade para poder levar a cabo unha axeitada política municipal de fomento do asociacionismo e a participación cidadá.
Os seus obxectivos fundamentais son:
1.- Recoñecer ás asociacións inscritas e garantirlles o exercicio dos dereitos recoñecidos neste Regulamento e na lexislación vixente, así como facilitar a súa relación administrativa co concello.
2.- Permitir ao concello e á cidadanía coñecer datos actualizados do tecido asociativo do municipio, como poden ser o seu cometido, actividade, cobertura e representatividade, capacidade económica e financiamento, autonomía funcional, axudas públicas e /ou privadas que reciben, e a súa participación en estruturas supra-asociativas, entre outras.
3.- Facilitar o fluxo de información, co ánimo de fomentar a participación da cidadanía nas entidades sociais, así como una maior relación e colaboración entre as entidades e entre estas e o concello en temas de interese común.

Artigo 2. Requisitos e documentación a presentar
Poderán solicitar e obter a inscrición no Rexistro municipal de entidades asociativas todas aquelas entidades, legalmente constituídas, de funcionamento democrático e sen ánimo de lucro, que teñan o seu domicilio social ou delegación en Rianxo e que neste ámbito xeográfico desenvolvan maiormente as súas actividades, co obxectivo fundamental de defender, fomentar e mellorar os intereses xerais ou sectoriais e a calidade de vida da cidadanía. Este rexistro estará integrado polas asociacións veciñais, as asociacións de nais e pais de alumnos, as entidades culturais, deportivas, recreativas, xuvenís, de maiores, estudantís, de mulleres, medio-ambientais, profesionais e empresariais, entre outras.
Poderán inscribirse tamén as fundacións, federacións, ou unións de asociacións, que cumpran os requisitos previstos no parágrafo anterior.
As entidades que desexen inscribirse no Rexistro municipal de entidades asociativas deberán presentar:
a) Instancia dirixida á Alcaldía, solicitando a inscrición no citado rexistro, conforme o modelo normalizado.
b) Copia compulsada da acta fundacional asinada por todas as persoas fundadoras en todas as súas páxinas.
c) Copia compulsada dos estatutos vixentes.
d) Número de inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia e/ou noutros rexistros públicos.
e) Copia compulsada da acta ou certificación da última asemblea xeral, ou órgano equivalente, na que fose elixida a xunta directiva vixente no día da inscrición, onde se consignará a relación nominal de cargos cos seguintes datos: nome e apelidos, DNI, enderezo, teléfono e correo electrónico.
f) Certificado do/a secretario/a da asociación indicando o domicilio social da entidade, se este é distinto ao indicado nos estatutos.
g) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal, e dos DNI do/a Secretario/a e Presidente.
h) Certificación da secretaría da entidade do número de persoas socias, desagregado por sexo e grupos de  idade, inscritas no momento da solicitude.
i) Programa  de actividades do ano en curso.
j) Orzamento do ano actual.
k) Fotocopia compulsada do acordo de exención do IVE , no caso de terse recoñecida a condición de carácter social de entidade.
l) Certificación da conta bancaria
m) Teléfono/s de contacto, enderezo electrónico e páxina web se estivese operativa
n) Autorización para incorporar os datos da entidade no directorio municipal de entidades asociativas, sen prexuízo do debido cumprimento do previsto na normativa vixente en materia de protección de datos (publicación de catálogos, llistaxes na páxina web municipal, etc.). Os datos e os documentos esixíbeis para a inscrición no rexistro terán carácter público.
ñ) Asemade poderase achegar calquera outra información e/ou documentación que se considere de interese, tal como a súa inscrición noutros censos e rexistros, a pertenza a estruturas supra-asociativas,  áreas de actividades para os efectos de clasificación, etc. e que permita afondar no coñecemento da realidade asociativa da entidade, datos que se poderán engadir ao modelo de solicitude habilitado para o efecto.

Artigo 3. Inscrición no Rexistro municipal de entidades asociativas
No prazo de quince días desde a solicitude de inscrición, salvo que este se tivese que interromper pola necesidade de emendar deficiencias na documentación, a Alcaldía decretará a inscrición da entidade no Rexistro e notificaráselle esta resolución, co número de inscrición asignado. Desde ese momento considerarase de alta para todos os efectos.

Artigo 4. Obrigas e dereitos
1.- Sen prexuízo de que todas as entidades poden exercer diante do concello as accións e dereitos previstos no ordenamento xurídico, as entidades veciñais inscritas no Rexistro municipal de entidades asociativas, previa solicitude,  poderán exercitar os dereitos recollidos neste artigo:
a) Usar esporádica ou temporalmente recursos de titularidade municipal, especialmente os espazos e demais instalacións, atendendo á normativa específica e/ou criterios que rexen a súa utilización, tendo que ser estes solicitados por escrito e coa antelación que establezan os servizos correspondentes.
b) Solicitar subvencións económicas para a realización de proxectos ou actividades que promovan intereses xerais ou sectoriais da veciñanza rianxeira consonte coas bases e ordenanzas específicas que rexan a convocatoria de subvencións. Para estes efectos, os orzamentos municipais contemplarán a correspondente partida ou partidas orzamentarias.
c) Recibir, pola vía máis axeitada, información municipal, así como aquela outra información doutras administracións sobre actividades, convocatorias, etc. que sexan de interese para a entidade.
d) Recibir as publicacións periódicas ou non, que edite o concello, sempre que resulten de interese para a entidade, atendendo ao seu obxecto social.
e) Participar nos medios de comunicación de titularidade municipal consonte coa normativa específica  ou criterio de uso do medio.

2.- O exercicio dos dereitos recoñecidos nos puntos a e b  terá que ser compatíbel cos obxectivos fixados nos programas de actuación municipal e cos límites que se deriven da facenda municipal.

3.- Ademais, e sen prexuízo do dereito xeral de acceso á información municipal recoñecido á veciñanza en xeral, as entidades rexistradas, sempre que o soliciten expresamente, terán dereito a recibir as convocatorias dos órganos colexiados municipais que celebran sesións públicas cando na orde do día figuren cuestións relacionadas co obxecto social da entidade e/ou deba terse presente ao movemento asociativo. Nos mesmos supostos recibirán as resolucións e acordos adoptados polos órganos municipais.

4.- Obrigas das entidades  rexistradas:
a) Notificar ao concello calquera modificación dos datos incluídos na documentación que servise de base para a inscrición, dentro do mes seguinte ao da data en que dita modificación se producise.
b) Garantir o funcionamento  democrático e respectuoso coa legalidade da entidade e promover a convivencia e o respecto entre as persoas.
c) No ámbito dos seus fins e obxectivos, colaborar co Concello para de conseguir unha mellor prestación dos servizos municipais en beneficio da veciñanza e do interese xeral.
d) Facilitar a actuación municipal en todo o relativo á inspección, fiscalización e seguimento dos asuntos relacionados co ámbito de competencias do Concello.
e) Procurar o coidado e respecto das instalacións e recursos cedidos para o desenvolvemento das súas actividades e fins.
f) Facer unha xestión transparente en tódos os casos, e mais especialmente no caso en que xestionen recursos públicos, ben en forma de subvencións, infraestruturas, locais ou outros servizos.
g) Promover a igualdade de xénero, en todos os ámbitos de actuación: imaxe e comunicación, órganos de dirección e goberno, xestión, toma de decisións, organización de actividades, oferta de servizos.
h) Promover o uso da lingua galega en todas as súas actividades, publicidade, relacións coas persoas asociadas e coa cidadanía en xeral.
O Concello comprométese a facilitar o exercicio dos dereitos recoñecidos ás entidades neste Regulamento, a respectar a autonomía das entidades, a incentivar a formación dos seus membros en materias de interese asociativo e a achegar, na medida das súas posibilidades, asesoramento e recursos útiles para o conxunto do tecido asociativo.

Artigo 5. Actualización dos datos das entidades asociativas
Sen prexuízo do previsto no artigo 4 punto a) para os efectos de validación dos datos de inscrición, as  entidades inscritas no Rexistro están obrigadas a presentar, no primeiro mes do ano, un informe de actualización dos seguintes datos:
a) Modificacións nos estatutos
b) Modificacións dos membros da xunta directiva
c) Modificacións no domicilio, social ou enderezo
d) Variacións no nº de persoas asociadas

Artigo 6. Cancelación da inscrición no Rexistro municipal de entidades asociativas.
Serán causa da cancelación da inscrición:
a) A disolución da asociación por calquera causa.
b) A falta de actividade.
c) O incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 4 e 5  deste regulamento.
d) A perda dalgunha das condicións para ser inscrita. (artigo2).
A proposta de cancelación será notificada á entidade co obxecto de que nun prazo de quince días poda formular as alegacións que estime. Á vista das alegacións presentadas adoptarase a resolución definitiva confirmando ou paralizando o expediente de cancelación.

Artigo 7. Actualización anual do Rexistro municipal de entidades asociativas do Concello de Rianxo
Anualmente  actualizarase o arquivo de entidades asociativas do Concello de Rianxo, que incluirá, ademais dos datos xerais das entidades, as subvencións municipais que recibisen e o seu destino.
a) As asociacións poderán solicitar copia dos datos actualizados.
b) Os órganos, departamentos municipais e grupos políticos con representación na corporación tamén poderán solicitar copia .
c) O rexistro actualizado de asociacións e entidades será único, dependerá da Secretaría do concello e os seus datos serán públicos coas restricións derivadas da lexislación relativa á protección de datos.
d) A documentación e datos actualizados contidos no Rexistro Municipal de Asociacións terán plena validez administrativa para os efectos das relacións das entidades asociativas e o Concello de Rianxo: solicitudes de calquera asunto ou materia, xestión de subvencións, xustificación da percepción de subvencións, uso de espazos e equipamentos.
 

Capítulo II.- A declaración de interese público

Artigo 8. Tipo de entidades que poden solicitar esta declaración
As entidades inscritas no Rexistro municipal de entidades asociativas que teñan como obxectivo social a defensa dos intereses xerais ou sectoriais  dos veciños e veciñas de xeito complementario á propia actividade municipal, e que realicen as súas actividades en relación con algún dos ámbitos de actuación municipal poderán ser declaradas de Interese Público Municipal
Non poderán acollerse a esta declaración aquelas asociacións que incumpran calquera dos requisitos establecidos neste regulamento no referido á vixencia da inscrición.

Artigo 9. Solicitude
A solicitude de recoñecemento de utilidade pública municipal poderá facerse de oficio a petición de calquera grupo político presente na Corporación, ou a instancia da propia entidade. En todo caso o recoñecemento de utilidade pública requirirá a súa aceptación pola  asemblea xeral da entidade.

Artigo 10. Documentación a presentar
A instancia ou petición de declaración de utilidade pública iniciarase con petición razoada dirixida á alcaldía e xuntando a seguinte documentación:
a) Instancia dirixida ao alcalde ou alcaldesa, solicitando e motivando a inscrición
b) Cando sexa a propia entidade a que inste a declaración de interese público municipal, copia ou certificación da acta da asemblea na que se acorda  realizar a solicitude.
c) Memoria de actividades, convenios, concertos ou actuacións similares en colaboración co concello ou con outras administracións e que se estableceran nos últimos tres anos.
d) Informe do Rexistro municipal de entidades asociativas, cos datos actualizados da entidade solicitante.

Artigo 11. Procedemento
Reunida a documentación, esta someterse a ditame da Comisión Informativa de Participación Cidadá.  Esta Comisión antes de ditaminar solicitará informes ás áreas e departamentos que podan ter relación coa actividade e obxectivos da entidade solicitante.
Cando a solicitude se realice a instancia de entidade distinta á propia Asociación, o recoñecemento de interese público  municipal, requirirá a súa aceptación pola Asemblea da Asociación.
Ditaminada favorablemente a solicitude pola Comisión Informativa de Participación Cidadá esta someterase á consideración do Pleno da Corporación. O informe da Comisión irá acompañado dos informes emitidos polos departamentos e áreas municipais afectadas e pola certificación de aceptación da Asemblea da Asociación afectada.

Artigo 12. Criterios
Os criterios fundamentais de valoración para a declaración de utilidade pública municipal serán os seguintes:
a) Interese xeral da entidade no ámbito do termo municipal de Rianxo. O interese estará referido á amplitude de obxectivos e programas de actuación, ao valor, interese e demanda social destes obxectivos e programas, e á complementariedade do traballo da entidade coa actuación do concello.
b) Obxecto social da entidade e actividades realizadas a prol deste municipio.  Por interese social entenderanse os obxectivos e actuacións dirixidas a intervir en ámbitos ou segmentos  sociais en situación  risco, vulnerabilidade ou marxinalidade.
c) Ámbito de poboación afectado polas actividades da entidade, e grao de participación da cidadanía nas mesmas.

Artigo 13. Publicidade
Cando o Pleno  da corporación a declare de utilidade pública, inscribirase esta no Rexistro municipal de entidades asociativas, publicarase nos boletíns oficiais, taboleiros de anuncios e medios de comunicación.

Artigo 14.  Dereitos
Cando unha entidade sexa declarada de utilidade pública municipal terá os seguintes dereitos:
a) A usar deste título en todos os documentos a continuación do nome da entidade.
b) A poder acceder ás axudas económicas establecidas e ao uso dos recursos municipais dispoñibles para o desenvolvemento das súas actividades.
c) A usar de xeito continuado os locais e outras instalacións de titularidade municipal mediante convenio sempre e cando haxa locais ou instalacións dispoñíbeis e estea xustificada esta cesión polo volume, interese e impacto social da actividade desenvolvida pola entidade
d) A gozar dos beneficios fiscais que a lexislación vixente recoñece a este tipo de entidades, de acordo co Título Primeiro da Lei Xeral Tributaria, e que figuren nas ordenanzas municipais.

Artigo 15. Obrigas
As entidades cidadás declaradas de utilidade pública municipal deberán presentar no primeiro trimestre de cada ano a memoria das actividades realizadas no último ano, así como o programa de actividades para o ano en curso.
Deberán tamén emitir os informes de asuntos da súa competencia cando lles sexan solicitados polo Concello.

Artigo 16. Convenio de colaboración
As relacións de colaboración entre o concello e as entidades asociativas declaradas de interese público  municipal tomará a forma de convenio de colaboración que vinculará ás entidades e ao concello.
O convenio regulará cando menos:
1.- A utilización de recursos municipais.
2.- O réxime de colaboración económica.
3.- Os servizos e actividades que poderán desenvolver as entidades.
4.- A forma de avaliación do convenio.
5.- A duración do convenio e a súa extinción.

Artigo 17. Vixencia do recoñecemento municipal
Unha vez acordado por decreto da alcaldía a condición de interese público municipal, quedará inscrito dito recoñecemento no Rexistro municipal de entidades e asociacións.
Esta condición perderase cando deixe de cumprirse calquera dos requisitos esixidos para permaneceren inscritas en dito rexistro, logo da audiencia da interesada. Se posteriormente se pretende adquirir de novo dita condición, a entidade interesada deberá iniciar o proceso dende o principio.


DISPOSICIÓN FINAL
O presente regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia,  unha vez que transcorra o prazo previsto no artigo 65.2. LBRL, permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.