Bandos Informativos

- Bando do Día da Patria Galega - Concello de Rianxo

Bandos Informativos

Bando do Día da Patria Galega

O 25 de xullo é o Día da Patria Galega, unha data cargada de simbolismo para este país escollida polas Irmandades da Fala logo da súa II Asemblea de Compostela en 1919. Case cen anos por tanto dunha efeméride que o noso Castelao sinalou como a Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos e galegas no seu célebre discurso no exilio que se chama Alba de Groria.

É unha xornada de festa e reivindicación na que o pobo galego con identidade propia, con língua de seu, co noso himno e bandeira reforza e se reafirma nestes símbolos que nos dan forza e expresan esa vontade colectiva como nación. Unha especial mención a día de hoxe merecen os cen anos do pasamento de Eduardo Pondal, o bardo nacional que deu letra a ese himno estreado con música de Pascual Veiga na Habana, van alá 110 anos.

Estamos cunha festa con historia, da Galiza, da súa emigración e exilio alimentando como alento vital a esta patria galega.

Unha festividade rompida hai catro anos, cando na véspera, encamiñándonos a esa noite máxica de Compostela cos seus lumes do Apóstolo, que se ven pertiño desde a Muralla, un tren descarrilaba. Hoxe facemos lembranza desas vítimas do tren Alvia, 80 mortos e mortas, con vínculos rianxeiros dalgunhas delas. E sinalar que, catro anos despois, continúan sen amañarse as condicións de seguridade de Angrois, quizais exemplo negativo do desleixo con esta terra. A nosa solidariedade coas familias que catro anos
despois, seguen a reclamar xustiza.

E quen di Patria Galega di Matria, que esta terra leva tamén nome de muller para reivindicar o rexeitamento da sociedade deste país á lacra social que é a violencia de sexo. Queremos sacar do balcón do Concello o lazo solidario coas vítimas desa violencia. Aínda non se puido, todas as semanas hai agresións contra as mulleres. Que esta festa maor axude a erradicar esta pesada lousa do maltrato.

E demos logo ambiente de festa grande, ergamos nos balcóns de Rianxo as bandeiras galegas, expresión hoxe de azos para nosa terra, un país que desexamos próspero e dono dun futuro mellor, unha Patria/Matria libre de violencias.

Adolfo Muíños Sánchez
Alcalde do Concello de Rianxo