Veciños e veciñas, celebramos como todos os anos o 25 de xullo, o Día da Patria Galega, unha data principal de festa e reivindicación para o país escollida polas Irmandades da Fala en 1919. En verbas impresas no xornal a Nosa Terra, o seu voceiro de entón, sinalábase como unha data de lembranza da Patria natural que dende antigo, como agora e sempre, ha ser a única patria verdadeira do home (e da muller). Nesta festividade renovamos tamén o compromiso de amor á terra, ao pobo galego, ao idioma galego, aos símbolos propios dunha Galiza que debe ser dona de seu.
Dona de seu pois xa hai un ano neste mesmo bando alertábamos do desmantelamento do estado de benestar baixo a pretexto da crise, convertida nunha inmensa estafa financeira onde todos e todas acabamos pagando os custes, mentres os beneficios séguenos a repartir uns poucos. Un ano despois comprobamos que as medidas de austeridade impostas desde a banca mundial que nos goberna non nos están a sacar do foxo. Antes ben, continúan a profundizar nos problemas: máis desemprego, menos creto á pequena empresa, menos crecemento económico, menos benestar, menos protección social, máis emigración da xente moza. Cumpre xa que logo unha mudanza radical nas medidas de estímulo á economía porque o que nos ofertaron até agora non funciona en ningún país do mundo e nos estanca para moitos anos.
Dona de seu pois se a educación senta os alicerces das futuras xeracións, sofre hoxe o retorno ao pasado pola aprobación dunha Lei de Ordenación da Mellora da Calidade Educativa, a LOMCE, que reduce a presenza do galego, o idioma propio de Galiza, recortándolle espazos e evitando que toda a infancia galega sexa competente nos dous idiomas cun reseso obxectivo españolizador recoñecido polo propio ministro.
Sacade veciños e veciñas as bandeiras galegas ás rúas e que se penduren e ondeen nos balcóns de Rianxo reclamando un futuro mellor para a nosa terra, unha vella patria cargada de historia e tradición que queremos teña tamén un novo albor de prosperidade, de reparto xusto da riqueza, de mellora dos dereitos e do benestar social. Feliz día da festa maior de todos os galegos e galegas como dicía o noso inmortal Castelao. Galiza, nai e señora!