Veciños e veciñas, estamos perante o 25 de xullo, o Día da Patria Galega, unha xornada de festa e reivindicación para o país escollida polas Irmandades da Fala o ano 1919, como data de lembranza da patria natural. Ben podiamos chamarlle tamén o Día da Matria, pensando no poeta cambadés Ramón Cabanillas que para se referir á nosa terra escribe: Nai e Señora!
Neste 2014 cúmprense setenta anos que o noso grande Castelao editase a obra de referencia do galeguismo e o libro máis significativo da cultura galega do século XX, o Sempre en Galiza. Un libro escrito e editado no exilio en Bos Aires. Alí sería presentado diante dun auditorio de máis de dúas mil persoas, conscientes xa entón da importancia do seu contido. Castelao é de todos e todas as xentes de boa vontade, agora ben, compre que gardemos coerencia e respecto co seu pensamento. Sempre en Galiza debera figurar na biblioteca de cada fogar como guieiro do amor a terra. Cada páxina é unha chamada a renovar este namoro.
Orgullosos de ser fillos dunha Terra pequena. Un pobo que se quere protexe os seus sinais de identidade, entre eles o seu idioma propio. E isto implica garantirlle o seu futuro, a presenza principal nos diferentes ámbitos cotiáns, sociais, administrativos e, sobre todo, nun sistema educativo que é alicerce da súa pervivencia para as vindeiras xeracións. Mais non śo é o idioma ou a cultura, un pobo que se quere avoga por unha banca propia, que estea a carón da xente, a carón da empresa galega, onde o aforro do país se invista no país e axude ao desenvolvemento económico da terra. Onde os resultados e a rendibilidade redunden en beneficio da colectividade, da nosa sociedade, do noso tecido empresarial.
O pobo que se respecta está disposto a asumir as súas responsabilidades no autogoberno, na capacidade de decidir onde e como investir, onde e como recadar, desde a progresividade fiscal, onde quen máis ten máis achega ao común. Este fundamento básico que algúns pretenden cuestionar e modificar está xa plasmado tamén no Sempre en Galiza da man e do pensamento dun compañeiro e irmán de Castelao, Alexandre Bóveda.
Un pobo que se recoñece festexa os símbolos, máxime na Festa maior de Galiza que Castelao desexaba ollar desde a saudade do exilio cun país embandeirado de azul e branco. Por iso que, veciños e veciñas, penduremos bandeiras galegas nos balcóns de Rianxo e cumpramos cos anceios do noso inmortal Castelao. Feliz 25 de xullo.