Bandos Informativos

- Bando informativo polo Día da Patria Galega - Concello de Rianxo

Bandos Informativos

Bando informativo polo Día da Patria Galega

Veciños e veciñas, celebramos unha vez máis o 25 de xullo, o Día da Patria Galega, data na que nos recoñecemos todos e todas como pobo, coa nosa identidade e historia, coa nosa língua, baixo a nosa bandeira. Son símbolos que nos dan forza colectiva e que hoxe deben ser tamén o alicerce da resistencia cívica ao desmantelamento de todo o sistema de estado do benestar. Un 25 de xullo hoxe presidido pola preocupación cidadá pola situación económica do país.

Por vez primeira na historia democrática estamos no risco de deixar a unha nova xeración nun marco económico, laboral e social peor de como nos deixaron nas xeracións anteriores, baixo a excusa da crise existente. Crise? Palabra que define eufemísticamente a estafa profunda protagonizada polos mercados, banca e sectores financieiros que se invocan para desfacer un sistema de conquistas sociais e de loitas seculares por dereitos que hoxe vemos a piques de desaparecer baixo unha tesoira inmisericorde que carga sobre traballadores, desempregados/as, dependentes, pensionistas, funcionariado, servizos públicos, mulleres, maiores, crianzas... Todos e todas pagan, menos quen orixinaron a crise.

En segundo lugar, preténdese desmantelar non só a sociedade do benestar, senón tamén vemos como se albiscan recortes de competencias da Xunta de Galicia e dos concellos reforzando o papel das Deputacións Provinciais, nun retorno ao pasado máis caduco, escuro, centralista e caciquil. Non se actúa sobre as causas que provocan a asfixia no financiamento dos concellos, nin tampouco se garanten os fondos para atender as crecentes necesidades básicas que as veciñas e os veciños demandan, pois somos a administración máis cercana á xente. Aproveitase a crise para querer reconducir pola porta de atrás o estado descentralizado das comunidades autónomas e dos municipios.

Hai agora 90 anos, en 1922, o poeta Manuel Antonio sacaba á luz o Manifesto Máis Alá onde escribía: ¡Mocidade! Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir.... Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá!

Este manifesto mantén plena vixencia polo seu espírito de rebeldía e inconformismo, pola necesidade de que a mocidade galega á vangarda continúe a reaxir, como fixo xa no 15 de maio de 2011 e, da man de toda a sociedade, loite polo futuro. Que as bandeiras galegas que se penduren nos balcóns de Rianxo sexan hoxe expresión desa reivindicación dun futuro mellor para a nosa terra e de defensa dun benestar que custou moito erguer para que hoxe, desde a lonxanía e comodidade dos salóns da banca, das bolsas e dos mercados nolo arrebaten.

Adolfo Muíños Sánchez
Alcalde de Rianxo