Veciños e veciñas, en 1919 as Irmandades da Fala escolleron entre todos os días do ano, o 25 de xullo como Día da Patria Galega, espallándose desde o ano seguinte en xornada de festa e reivindicación colectiva da nosa nación. O noso Castelao nun célebre discurso escrito desde o exilio, Alba de Groria, alcúmao tamén de Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos e das galegas, engadimos.
E se hai un sinal de identidade a festexar e reivindicar especialmente é o idioma. Hai apenas uns días aos pés da estatua de Rosalía na compostelá Ferradura e da man da Mesa pola Normalización Lingüística, as forzas políticas por unanimidade asinaban a Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega. Comprometéronse a retomar e iniciar todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade... O obxectivo é garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real. Recuperarmos o consenso perante o idioma propio de Galiza é un bo primeiro paso.
Mais tamén desde esta xornada de reivindicación compre reclamar maiores cotas de autogoberno pois compre dar resposta aos retos actuais, tanto globais como locais. E neste senso asistimos a ver como elementos substanciais da nosa economía están en perigo pola morneza á hora de exercer as capacidades e competencias propias de Galiza. Poderíamos falar dun sector leiteiro que recentemente se mobilizou de maneira histórica, agredido e gravemente tocado. E temos tamén o exemplo da pesca do xeito, na que o mariñeiro de Rianxo ten que buscar liña directa con Bruxelas, na propia Unión Europea, pois alguén perdeu entre Compostela e Madrid, por vontade ou desleixo, a soberanía nas augas interiores deste país. Ou como non mencionar o mexillón, outra produción local vital para o municipio abandonado na súa reclamación de, abraiémonos!, que a conserva sinale a procedencia do produto que contén. Se reclamamos autogoberno é para ter voz propia e ferramentas como país para a defensa do que importa (e moito!) en localidades como a nosa.
E para deseñar políticas propias que sirvan para frear o envellecemento progresivo e o desemprego, como inimigos dun benestar social que se nos rouba e camufla na austeridade máis radical. Está a provocar un aumento das desigualdades e o 1% da poboación acumula máis que o 99% restante. Por iso que, veciños e veciñas, penduremos as nosas bandeiras galegas nos balcóns de Rianxo e teñamos un Feliz 25 de xullo co corazón e a razón pensando na terra, nos símbolos, nos nosos elementos de identidade, mais tamén coa ollada posta nun futuro de xustiza, progreso e prosperidade para o noso país.