A Corporación Municipal de Rianxo, xunto á Federación Galega de Municipios e Provincias-FEGAMP, fai un chamamento á veciñanza de Rianxo a sumarse a unha concentración venres 26 de xullo, ás 12 h., diante da Casa do Concello. Queremos expresar o noso pesar cos familiares dos finados no accidente de tren e a nosa solidariedade coas persoas feridas.
Será un minuto de silencio en sinal de respecto e compartindo a dor dos afectados e afectadas. As bandeiras de Rianxo ondearán a media hasta durante os sete días de loito oficial decretado pola Xunta de Galicia.
Tamén en sinal de homenaxe á cidadanía galega, especialmente os veciños de Angrois, que deron imaxe exemplar de entrega e colaboración.
Agradecemos anticipadamente a presenza dos veciños e veciñas a este sinxelo acto que se vai desenvolver simultaneamente nos 314 concellos de toda Galicia.