Bandos Informativos

- Bando polo Día das Diversidades Sexuais - Concello de Rianxo

Bandos Informativos

Bando polo Día das Diversidades Sexuais

O Concello de Rianxo súmase á celebración do día 28 de xuño como Día das Diversidades Sexuais, no seu compromiso coa igualdade de dereitos de toda a cidadanía, sexa cal for a súa opción afectiva e/ou sexual e identidade de xénero.

Nun día coma hoxe, en 1969, no barrio de Greenwich Village de Nova York (disturbios de Stonewall) comezaron unhas loitas que aínda a día de hoxe seguen vixentes en todo o planeta, cun obxectivo: o respecto á diversidade sexual das
persoas. Unha tarefa na que a cidadanía e as administracións temos un grande percorrido por diante para acadar a súa normalización na nosa sociedade.

O Concello de Rianxo anima tamén a sumarse aos actos programados para dar visibilidade e normalidade no municipio a esta reivindicación. Son actos abertos, plurais, nos que chamamos a vivir con dignidade as diferenzas. Desde hai uns días,
as cores do arco da vella, símbolo desa diversidade sexual, locen diante de moitas casas consistoriais e edificios públicos de todo o país, tamén no noso concello, onde nos corresponde facer o posíbel para que ese respecto sexa quen presida as
relacións entre as persoas. Ás veces, ao ver agresións sexuais como a da Manada, tristemente repetida noutras mandas posteriores, os asasinatos de mulleres e moitas outras violencias exercidas contra as persoas por razón de sexo, fannos ver que fica moito por facer.

E, que mellor para animarnos nesa loita que rematar cuns versos da cantante Ses, do seu Tempestades de Sal:

Mais aínda seguimos aquí
a aturar tempestades de sal,
resistindo a violencia de mans
desas serpes e cans que nos queren calar.
Compañeiras nos soños do Edén,
unha illa no medio do mar,
que iluminan o loito máis negro,
que esquece o desterro e o medo a loitar.