Biblioteca Municipal

- Residencia de escritoras/es en agosto e setembro 2018 - Concello de Rianxo

BIBLIOTECA MUNICIPAL

INFORMACIÓN XERAL

Praza de Rafael Dieste 1, Rianxo

biblioteca@concelloderianxo.gal

Teléfonos  981 860 272  -  667 185 58

INVERNO:
​​​​​​​Martes a venres de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 h
Sábados de 11:00 a14:00 h

VERÁN (15 xuño-15 setembro):
​​​​​​​Luns a venres de 09:00 a 14:00 h

 

Biblioteca Municipal

Residencia de escritoras/es en agosto e setembro 2018

Obradoiros literarios de verán da Residencia de escritoras/es

Presentamos conxuntamente dous dos obradoiros literarios que serán realizados este verán, entre os meses de agosto e setembro, ofrecidos polo escritor arxentino Pablo Sanguinetti e o narrador navarro Javier Serena. Dúas das catro persoas participantes na convocatoria estival do Programa de Residencias de escritoras/es e pensadoras/es que Axóuxere Editora desenvolve conxuntamente co Concello de Rianxo. Os dous escritores estarán no espazo da Residencia que Axóuxere Editora ten na aldea de Brión entre os meses de agosto e setembro deste ano 2018.

Pablo Sanguinetti ofreceranos un obradoiro de literatura e pensamento literario, «Voces non humanas (na miña voz)»entre a tarde do venres 17 e o domingo 19 de agosto, na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo e na casa de Axóuxere Editora. O escritor e xornalista arxentino ten publicado ensaios e premiados libros de narrativa, así como tamén foi director da coñecida revista de pensamento e escrita Silencios. No obradoiro levaranos a pensar sobre o fenómeno do literario poñéndoo en relación co inhumano que asolaga a existencia, alén da perspectiva sempre correlacionista (entre o suxeito e o mundo) que impuxo a lóxica romántica. Pensaremos en aconteceres non humanos e nas aperturas que propician eventuais escrituras literarias. Así mesmo, ofrecerá a conferencia «Escritas non humanas: obxectos, máquinas, azar e outros actores»o venres 17 de agosto ás 20 horas, na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo. Na ligazón de embaixo podedes atopar máis información sobre este obradoiro e a conferencia.

Pola súa banda, Javier Serena ofreceranos un obradoiro de escrita, «Da realidade á ficción: como trasladar a experiencia persoal en materia literaria»entre a tarde do venres 31 de agosto e o domingo 2 de setembro, na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo e na casa de Axóuxere Editora. O escritor, de orixe navarra, ten publicado algúns dos libros de narrativa máis orixinais dos últimos anos en español, elixido polo xornal El País como un dos autores estatais máis salientábeis menores de corenta anos. No obradoiro indagaremos arredor das literaturas do eu e usando exemplos clásicos (desde Truman Capote até Emmanuel Carrère) enxergaremos vieiros na confección de escritas que sen deixar de se realizaren no ficcional achegan perspectivas realistas á obra. Tamén ofrecerá xunto co escritor galego Héctor Quintela (Cambados, 1987) a conferencia «Aliocha Coll na realidade e na ficción. Un intento de vangarda literaria levada ao extremo na España dos 80»o venres 31 de agosto ás 20 horas na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo. Do mesmo xeito, na ligazón de embaixo podedes atopar máis información sobre este obradoiro e a conferencia.

A participación nos obradoiros é de balde pero faise preciso inscribirse previamente. Para inscribirse hai que enviar un correo a info@axouxerestream.com co asunto «Inscrición ao obradoiro de Pablo Sanguinetti / Javier Serena», segundo corresponda; no caso de inscribirse nos dous sinalar os dous nomes. Ou ben chamar aos teléfonos 981 860 371 / 634 532 896 / 650 843 761, sendo a data límite un día antes de cada un dos obradoiros: 16 de agosto para o de Pablo Sanguinetti e 30 de agosto para o de Javier Serena. Para calquera dúbida ou información concreta pódese chamar a calquera dos anteriores números ou ben escribir ao enderezo electrónico referido. As conferencias non precisan inscrición previa.