Veciños e veciñas, desde hai cen anos as Irmandades da Fala reunidas en Compostela fixaron o 25 de xullo como o Día da Patria Galega, unha xornada que un ano despois virou en festa e reivindicación colectiva da Nosa Terra. Na exposición do Consello da Cultura Galega, que tivemos até hai uns días exposta no Auditorio, vimos como un Castelao exiliado pronuncia nesta data o célebre discurso Alba de Groria en 1948 e onde sinala o 25 e xullo como a Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos e galegas.
Castelao lembra un país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros e foguetes... evocando unha Santa Compaña de inmortaes galegos, figuras relevantes da súa Historia. Entre eles e moitos outros, o noso poeta Manuel Antonio ou Paio Gomes Charinho, Señor de Rianxo.
Unha Santa Compaña que desde o monte o mar percorre todo o país nas noites ao abeiro das árbores frondosas. E hoxe teríano difícil. Vale máis unha terra con árbores nos montes que un estado con ouro nos bancos dicía o propio Castelao. Ano tras ano a nosa riqueza forestal é atacada e con ela, en non poucas ocasións, o lume mesmo ameaza vivendas do noso concello. Asistimos a unha devastación que nos asola do alto da Paradegua a case chegar o mar. Así é que perdemos un dos nosos bens máis prezados: o monte. Alén dos valores económicos da masa forestal é incalculábel a perda do osíxeno rexenerado polas árbores, a biodiversidade que xera e que, apenas cunhas horas de desastre, de desleixo nunha torre de media tensión, botan por terra traballo de comuneiros e particulares e estraga anos de recursos, labores e coidados.
Estamos privando ás novas xeracións deste ouro da terra. Reclamamos unha nova estratexia que desde a prevención e a mudanza das especies a reforestar troque un modelo que non está máis que a producir incendios de xeito cíclico. Debemos deixar montes mellores para quen nos siga. É unha obriga natural.
Veciños e veciñas, penduremos bandeiras galegas nos balcóns de Rianxo e teñamos un Feliz 25 de xullo cargado de símbolos, de elementos de identidade, de reclamación de maior autogoberno, na nosa língua... Mais tamén defendamos ese monte que será o mellor legado para os nosos fillos e fillas. Teñen ese dereito.