Concellería de Promoción económica, Desenvolvemento local e Comercio
A 28º edición da festa da Xouba terá lugar en Rianxo o 25 e 26 de xullo de 2020, como de forma tradicional se viña celebrando.
Desta volta, e debido ás circunstancias provocadas pola pandemia da COVID-19, é necesario evitar a presenza de multitudes en espazos limitados, pero ao mesmo tempo non queremos deixar de exaltar este noso prezado produto e que en Rianxo, esta fin de semana, se poda degustar este ben da nosa ría.
A proposta vira en torno á degustación da xouba nos propios locais hostaleiros de todo o municipio. O Concello de Rianxo proporcionará lotes de xouba aos establecementos colaboradores para que ofrezan tapas baseadas neste produto durante a fin de semana, coas normas de seguridade e hixiene que están actualmente en vigor.
Para facilitar que nos podamos mover camiñando entre os distintos establecementos hostaleiros e tamén para posibilitar o aumento do espazo para terrazas, na medida das posibilidades e afectando o menos posible a mobilidade, esta fin de semana ampliaremos as zonas peonís.
Buscamos que Rianxo siga sendo destino seguro e que as persoas que se acheguen adoptando as medidas de seguridade necesarias, podan gozar deste manxar nas distintas preparacións que se ofrezan.