Veciños e veciñas, fieis acudimos á chamada das Irmandades da Fala que desde o ano 1920 celebran como data de reivindicación colectiva da Nosa Terra o 25 de xullo como Día da Patria Galega. Cen anos! Cen anos para celebrar e reivindicar pois como dicía o grande Castelao no seu célebre discurso no exilio chamado Alba de Groria estamos na Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos e galegas. Un centenario por tanto de demandas colectivas de autogoberno e de amor polo país que somos.
Este está a ser un ano especialmente difícil dominado por un coronavirus, o Covid, 19, que mudou todo. De entrada cunha letalidade que se asañou especialmente cos nosos maiores. Tamén cunha capacidade de infección que modificou hábitos sociais, movementos das persoas, a economía, a educación, o mundo laboral, a sanidade... Todo semella fondamente sinalado pola pandemia.
Mais á vez que se padeceu este episodio crítico tamén vimos como a sociedade galega deu mostras da súa afouteza: individualmente con mostras excepcionais de implicación desde os postos de traballo mantendo o tecido produtivo e de servizos á cidadanía. E socialmente, tecendo redes de solidariedade e apoio diante das dificultades para tentar que ninguén ficase excluído ou desatendido/a.
Parabéns e merecida homenaxe a todas esas persoas desde sanitarios/as, empregados públicos e privados, comerciantes de proximidade que estivestes ao pé dos vosos traballos facéndonos máis doada a vida nestes últimos meses dentro das dificultades do confinamento!
O 25 de xullo de 2020 ficará como unha data na que a festa cedeu espazo para unha vivencia responsábel e segura mais que non debe desmobilizarnos na procura dun país mellor. No camiño á nova normalidade deberemos manter esa ollada ao próximo que estivo ao noso carón, polo mantemento da capacidade produtiva do país perante o desmantelamento de empresas, pola defensa duns servizos públicos que malia os recortes foron quen de saír o paso da doenza. Que non pase que o único que se reforce o final sexa a banca ou a bolsa como aconteceu na crise anterior, co esforzo da xente mais co beneficio duns poucos.
Veciños e veciñas, poñamos bandeiras galegas nos balcóns de Rianxo e teñamos un Feliz 25 de xullo co corazón e a razón na terra, no mar, na nosa cultura e co noso idioma, mentres loitamos por un futuro que desexamos mellor e próspero para o noso país, vencendo o que nos tocou vivir.