Novas Tecnoloxías

- O Concello de Rianxo está incluído nun convenio co COAG para simplificar a tramitación dos expedientes urbanísticos - Concello de Rianxo

INFORMÁTICA

Aula de Informática

Centro Sociocultural - Auditorio
Rúa dos autores da Rianxeira, Rianxo

981 100 688 - 667 18 55 77

informatica@concelloderianxo.gal

luns a venres: usos programados baixo reserva

NOVAS TECNOLOXÍAS

O Concello de Rianxo está incluído nun convenio co COAG para simplificar a tramitación dos expedientes urbanísticos

O Concello de Rianxo foi seleccionado para iniciar en período de probas unha colaboración entre o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Deputación da Coruña, de forma que, a través das plataformas de administración electrónica que a Deputación ofrece aos concellos da provincia, a tramitación das licenzas e outros actos urbanísticos vanse simplificar, ao permitir que os concellos descarguen a documentación técnica dos solicitantes a través da plataforma dixital do COAG.

O convenio, que ten vixencia durante catro anos, suporá unha minoración de custos económicos e de cargas administrativas para as persoas tanto físicas como xurídicas solicitantes, xa que non terán que achegar nin incorporar nas peticións de licencias outras autorizacións que xa estean tramitadas polo COAG, ademais de reducir tamén a carga do traballo do rexistro presencial. O operativo ofrecerá validez legal á documentación que se incorpora nos expedientes administrativos, e certificará a seguridade xurídica de todos os actos administrativos.

O convenio tamén permitirá a normalización da documentación técnica e administrativa de carácter xeral. Esta documentación, tramitada nos concellos, estará tipificada, estruturada e asinada conforme ao modelo normalizado que o Colexio de Arquitectos se encarga de ter axeitadamente actualizado segundo as disposicións legais vixentes.

Ademais, o acordo asegura a garantía sobre a identidade e habilitación dos técnicos redactores no caso de traballos visados e sobre a identidade e colexiación noutros casos. O procedemento de tramitación colexial inclúe estas verificacións dos técnicos asinantes, polo que se evitará a solicitude e xestión de documentación adicional para a súa verificación por parte dos concellos.

Así mesmo, habilitarase un mecanismo telemático que permitirá aos concellos acollidos ao convenio, coa conformidade da persoa solicitante da licenza urbanística ou tramitación urbanística, así como dos técnicos redactores do traballo profesional vinculado, obter en formato electrónico unha copia da documentación técnica e administrativa tramitada no Colexio de Arquitectos. Así, eximirase aos solicitantes da licenza urbanística ou tramitación urbanística da obriga de achegar dita documentación en papel ou dixital aos diferentes departamentos administrativos dos concellos.