O grupo de goberno do Concello de Rianxo rexeita contundente e firmemente os actos que se realizaron contra un dos bancos pintados no Paseo Marítimo de Setefogas coa bandeira do arco da vella, o símbolo da tolerancia, respecto e compromiso cos dereitos LGTBI. Non é un acto vandálico máis contra o patrimonio de todos e todas, xa de por si condenábel, senón que entendemos vai contra o que representa que é a tolerancia entre as persoas e a loita polos dereitos que preside e debe presidir o municipio.
Evidentemente, mentres a Policia Local buscará dar cos culpábeis de mover e guindar ao mar o banco, a brigada de obras repoñerao e non só iso, senón que ten a encomenda de realizar máis repintados similares nos bancos ubicados na zona, pois de ningunha maneira se vai permitir gañen os intolerantes e homófobos esta loita contra o respecto.
Os feitos tiveron lugar probabelmente a noite do venres ao sábado no que a marea baixa deixou ao descuberto da auga o banco multicor instalado no lugar desde o pasado novembro como un dos actos desta data da non violencia contra as mulleres. A Policía Local procedeu a retiralo do mar e recuperalo para a súa posterior reposición. Intensificará a súa vixilancia e control para dar cos causantes desta acción tan covarde.