Actualidade

- Visita á Estación Fitopatolóxica do Areeiro e ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán do alumnado do Obradoiro de Emprego Pazo de Rianxiño - Concello de Rianxo

Actualidade

Visita á Estación Fitopatolóxica do Areeiro e ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán do alumnado do Obradoiro de Emprego Pazo de Rianxiño

O alumnado-traballador do Obradoiro Dual de Emprego Pazo de Rianxiño, coa intención ampliar e completar a súa formación, visitou as instalacións da Estación Fitopatolóxica do Areeiro e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, ambas situadas en Pontevedra.

A Estación Fitopatolóxica Areeiro ten un alto prestixio no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas e ornamentais, como a camelia, e na defensa e conservación do patrimonio vexetal. Conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos. Conta asemade cunha colección de camelias de máis de 1.000 exemplares, xardín de aromáticas e outras especies vexetais que fai que sexa un xardín cun carácter didáctico moi interesante. A visita realizouse con guías especializados que explicaron o traballo que alí se realiza, así como o patrimonio que forman os seus xardíns.

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán desenvolve proxectos de investigación en diferentes áreas forestais. Son pioneiros no desenvolvemento e posta en práctica de numerosos produtos e tecnoloxías forestais. Levan a cabo numerosos proxectos e ensaios forestais e conta así mesmo co xardín botánico máis importante de Galicia, con árbores incluídas no Catálogo de Galego de Árbores e Formacións Senlleiras de Galicia.

Tanto a Estación Fitopatolóxica Areeiro como o Centro de Investigación Forestal de Lourizán contan con contornas axardinadas de alto valor e de interese para ambos certificados.