Actualidade

As Pontes, Rianxo e Ordes acollerán os primeiros centros da rede de residencias públicas comarcais, cun investimento de 6 millóns de euros. Asinado un protocolo entre os tres Concellos e a Deputación. - Plan piloto da Deputación da Coruña para crear unha residencia pública comarcal para maiores en Rianxo - Concello de Rianxo

Actualidade

Plan piloto da Deputación da Coruña para crear unha residencia pública comarcal para maiores en Rianxo

As Pontes, Rianxo e Ordes acollerán os primeiros centros da rede de residencias públicas comarcais, cun investimento de 6 millóns de euros. Asinado un protocolo entre os tres Concellos e a Deputación.

A Deputación da Coruña impulsa un plan piloto para crear unha rede de residencias públicas para maiores de ámbito comarcal. Serán residencias de pequeno tamaño e máis proximidade, con capacidade para unhas 50 persoas, "coas que pretendemos mellorar o benestar e evitar o desarraigo e a soidade non desexada dos maiores", que moitas veces vense na obriga de ir a residencias moi lonxe do seu fogar, así como "crear emprego e axudar a fixar poboación no rural", segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Os primeiros centros ubicaranse nas Pontes, Rianxo e Ordes, segundo se recolle no protocolo asinado esta mañá polo presidente e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; o vicepresidente, Xosé Regueira; a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños e a concelleira de Política Social de Ordes, Susana García.

Formoso explicou que estes tres primeiros centros suporán un investimento de 6 millóns de euros e crearán 188 empregos. Os centros serán de titularidade e xestión pública, "un modelo alternativo ao da Xunta de Galicia, que conta cun 90% de residencias privadas, con tarifas moitas veces inasumibles para as familias e que ademais non creou nin unha soa praza pública de residencias nos últimos 14 anos", afirmou.

"Este é un proxecto no que levamos meses traballando. A Deputación ten feito unha diagnose dos servizos sociais da provincia no que detectamos unha eiva significativa de dotacións destinadas a maiores", explicou Formoso, que subliñou que "queremos arrancar este proxecto co consenso de todas as forzas políticas. É un proxecto de país", afirmou. O presidente destacou tamén que espera "colaboración institucional" por parte da Xunta e agradeceu a colaboración dos concellos de Rianxo, Ordes e As Pontes, que se encargarán de ceder os terreos e redactar os proxectos, mentres que a Deputación da Coruña asumirá cunha partida orzamentaria de 6 millóns de euros a execución das obras e posteriormente a xestión dos centros.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, cualificou este proxecto piloto como "un modelo alternativo", baseándoo en tres factores: na cooperación entre administracións, na procura "dun modelo asistencial máis humano", e un modelo "máis acorde coas necesidades do noso territorio".

A este respecto, Regueira explicou que "entre os múltiples dramas que vivimos durante a pandemia un deles foi a situación residencial das persoas maiores", e que froito desa experiencia "a Deputación fixo unha análise de necesidades e sacamos as nosas propias conclusións".

Valoración do Alcalde de Rianxo

Unha satisfacción que se concrete deste xeito o traballo destes anos en prol dun servizo básico hoxe como é unha residencia pública, que deste xeito se poderá instalar no noso concello con ese carácter comarcal.

Valoro tamén positivamente que sexa a Deputación quen se implique na xestión futura deste equipamento, garantindo o seu desenvolvemento e funcionamento e aposte por manter como pública a residencia, tanto nas persoas que a atenderán como na cobertura das prazas.

Fago fincapé tamén no carácter plural da escolla dos concellos, no que debería ser o normal na instalación de servizos.

O Concello para materializar este proxecto cederá unha parcela urbanizábel na zona de Rianxiño, a carón do Instituto e, tal como se manifestou, recibirá unha cantidade duns 300.000 euros para licitar públicamente un concurso de redacción do proxecto. Tras iso será a propia Deputación quen licite as obras, constrúa e xestione a residencia.

En definitiva ledicia pola concreción deste proxecto e para o que traballaremos arreo para facilitar as tarefas da Deputación Provincial.