Actualidade

- Comezan as obras da Base Operativa antiincendios da Xunta en Rianxo en Té - Concello de Rianxo

Actualidade

Comezan as obras da Base Operativa antiincendios da Xunta en Rianxo en Té

Tras a cesión por parte do Concello de Rianxo dunha parcela de equipamento municipal á Xunta de Galicia e a licenza de obras ao proxecto de Medio Rural no Parque Empresarial de Rianxo deron comezo as actuacións previstas.

Estas están contidas no Proxecto Básico e de Execución de Base Integrada de Unidades Operativas (BUO) de Rianxo no que é a primeira base operativa na comarca. As máquinas comezaron a actuar no parque empresarial coa fase inicial de explanación do recinto que albergará este equipamento especializado na loita antiincendios forestais.

O proxecto presenta un orzamento de 441.391,55 euros e un prazo de execución de seis meses. Entre os obxectivos deste equipamento inclúese o de converterse nun espazo adicado á defensa do monte, pero tamén nunha contorna referencial (medioambiental e construtivamente falando) no Parque Empresarial de Rianxo,

Este contedor de servizos de protección forestal será un lugar de descanso e traballo dos brigadistas e desde aquí accederán aos operativos que xurdan e que terán unha grande vantaxe pola proximidade á autovía e outras estradas na bisbarra. Desde a base poderán incorporarse loita contra os incendios con grande rapidez.

Lembramos que na construción se apostou por reducir ao mínimo o impacto da edificación, o uso de madeiras como o castiñeiro e piñeiro, ou a cuberta axardinada. Unha construción quilómetro cero no que se procurou a eficiencia enerxética en todas as instalacións, con sistema de climatización por aerotermia e sistemas de control e regulación para as luminarias LED.

O Alcalde Adolfo Muíños lembra a boa disposición municipal para ceder esta parcela consciente de que é un equipamento que traerá un beneficio directo como é achegar a Rianxo os operativos que por desgraza son imprescindíbeis polos incendios do propio concello e da bisbarra. Tamén por crear infraestruturas de referencia supramunicipais no municipio.