Ás 9:00 da mañá foi á hora en que o xoves 17 estaban convocadas todas as persoas interesadas en participar nesta iniciativa do Obradoiro de Emprego que se está a desenvolver dende o Concello de Rianxo co obxectivo de mellorar a saúde ambiental deste espazo tan concorrido e próximo á vila para así promover a conciencia dos veciños e visitantes sobre as consecuencias do lixo mariño.
As 18 persoas participantes organizáronse para a recollida dos residuos nos diferentes espazos de areal, rochas e senda durante a xornada cun total de 2.660m de liña costeira recorridos e que se dilataron ata as 14:00h co resultado de máis dunha tonelada de residuos extraídos.
Destacan os residuos procedentes de acuicultura tales como cordas, redes, nasas, bandexas de cultivo, flotadores e demais útiles variados utilizados nesta actividade económica propia das vilas do litoral da Ría de Arousa.
Outra parte importante do volume de residuos procede de envases de bebidas e comida abandonados polos visitantes do espazo, así como obxectos voluminosos e variados procedentes de vertidos incontrolados puntuais.
A recuperación deste espazo liberándoo de lixo supón poñer á disposición da cidadanía un área de grande valor ambiental e paisaxística, que dende o Obradoiro Dual de Emprego “Pazo de Rianxiño” agardan sexa lugar predilecto de desconexión e práctica de deporte para rianxeiros e visitantes.