Hoxe, 25 de novembro, conmemoramos, unha vez máis, o Día Internacional pola Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. Consideramos que é necesario recordar, con afecto e respecto, a cada unha das mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas que, segundo os datos oficiais publicados pola Secretaría de Estado de Igualdade e Contra a Violencia de Xénero, ascende a 40 mulleres en 2024 e a 1285 mulleres desde o 2003, ano no que se comezaron a recopilar estes datos. Tampouco debemos esquecer que no que vai de ano son 8 os menores de idade vítimas mortais de violencia de xénero, ascendendo a 61 os asasinatos desde o 1 de xaneiro do 2013 ata o día de hoxe, e 30 os menores que quedaron orfos por violencia de xénero en España, sumando un total de 463 menores desde o ano 2013.
Desde o Concello de Rianxo, hoxe e tódolos días do ano, manifestamos a nosa condena absoluta ante a violencia de xénero, en todas as súas formas, violencia física, psicolóxica, sexual, económica e institucional. A eliminación desta lacra é un reto para toda a sociedade, polo que debe ser unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria, contando coa colaboración e cooperación de distintos axentes. Debemos poñer tódolos medios que temos ao noso alcance para combatela, xa que a violencia de xénero non ten cabida na sociedade que aspiramos a ser. Eliminala das nosas vidas e protexer ás vítimas non é unha opción, senón unha obrigación.
Non debemos esquecer que a mellor e máis eficaz maneira de erradicar a violencia de xénero é implementar políticas públicas en materia de igualdade. A prevención é a principal ferramenta para que a igualdade real sexa un feito. Por iso, a educación e a formación son dous piares fundamentais para acabar coas desigualdades entre mulleres e homes e erradicar así a violencia machista.
Ademais, é fundamental esixir unha lexislación actualizada e acorde ao momento social e histórico, que protexa e ampare ás vítimas desta violencia. Na actualidade, en Galicia está vixente a Lei 11/2007 galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero na que se recollen medidas vitais e necesarias de sensibilización, prevención, tratamento e apoio para as mulleres que sofren esta violencia. Así e todo, hai certos aspectos que non se cumpren ou que deben mellorarse. Un deles é a atención psicolóxica, servizo que se contempla nesta lei para prestar de maneira integral e dende o servizo de Atención Primaria, e que desgraciadamente na actualidade é ofrecido de maneira moi limitada.
Outro servizo que se contempla na lei como necesario e fundamental para camiñar cara a erradicación desta lacra é o reforzamento de recursos como os Centros de Información á Muller, centros que carecen de melloras de financiamento así como de ampliación tanto de persoal como de categorías profesionais.
Ademais, recentemente anunciouse a apertura en Galicia de futuros centros de crise 24h para ofrecer atención ás mulleres vítimas de violencia sexual, os cales debemos esixir que se encadren dentro do sistema público de saúde, que ofrezan atención presencial e que se realice a súa apertura e posta en marcha o antes posible. Non podemos seguir vivindo nunha sociedade na que se segue xustificando o machismo como algo natural, non podemos seguir vivindo nunha sociedade na que non inclúe a todos e a todas, tampouco podemos seguir vivindo nunha sociedade na que se asasinan mulleres polo simple feito de selo. Tampouco podemos tolerar condutas e discursos negacionistas ou banalizadores, que normalizan esta violencia, que a xustifican como feitos illados, extraordinarios e individuais no lugar de asumilos como un problema colectivo, social e político. Ser muller non é un crime, polo tanto, temos o mesmo dereito a desfrutar dos dereitos humanos recoñecidos un 10 de decembro de 1948 pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas en París. Somos conscientes de que esta é unha loita longa, con momentos amargos, na que calquera cifra superior a 0 vítimas supón un fracaso social. Lonxe de desanimarnos, isto débenos dar máis forza para seguir loitando e traballando ata lograr a erradicación dun estigma que, mentres perviva, nega as bases dos dereitos universais e de igualdade sobre as que se asenta o sistema democrático no que vivimos.
A violencia contra as mulleres non ten cabida na sociedade e temos que seguir traballando para que pase canto antes ao arquivo dos erros pasados da historia, porque a defensa das mulleres é a defensa dos dereitos de tódolos seres humanos.