Declaracións e manifestos

- Pregón das Festas da Guadalupe 2014 - Concello de Rianxo

Declaracións e manifestos

Pregón das Festas da Guadalupe 2014

Texto do pregón das festas da Guadalupe 2014, lido o sábado 13 de setembro ás 14.00 por Xosé Luís Axeitos.

As festas de Guadalupe son un momento importante para Rianxo e  para todos os rianxeiros; por eso agradezo de maneira especial ao Alcalde e ao Presidente da Comisión de Festas a oportunidade de dirixirme ás miñas veciñas e veciños malia a dificultade que supón poñer palabras aos sentimentos. Pregoar noticias ou mercancías como tradicionalmente facía o pregoeiro, “oficio vil e despreciable” por certo,  resultaba máis doado, era menos comprometido que falar en Rianxo aos rianxeiros das súas festas. Porque a Guadalupe permítenos á maioría dos presentes valver ás noites e menceres da nosa infancia e xuventude co afán de recoñecer e andar novamente os camiños do pasado. Moitas grazas, Alcalde, moitas grazas, Presidente da Comisión de Festas.
-------------------------------------
Tense dito moitas veces que Santiago é un dos poucos lugares do mundo ao que se pode chegar seguindo as indicacións das estrelas. Pois ben, tamén a Rianxo se adoita chegar guiado polas súas propias estrelas, astros que seguen a brillar no firmamento da memoria colectiva do noso país e que nos aprenderon algo fundamental:  ser rianxeiros é un xeito especial de ser galego no mundo.
Nun país, Galicia, poblado de silencios históricos, cobra especial importancia, para configurar a súa propia identidade, a testemuña escrita. Rianxo aportou en momentos decisivos para Galicia a palabra necesaria, a utopía imprescindible.
Malia ter estrelas que nos guían, Chariño, Martelo Paumán, Arcos Moldes, Castelao, Manuel Antonio ou Dieste, non podemos esquencer que o gran mérito destes escritores e intelectuais rianxeiros radica no feito de saberen escoitar os ecos da cultura popular, de interpretar e pregoar as virtudes desta vila. Dito doutra maneira, souberon proclamar a soberanía estética de Galicia baseada nas fontes populares, decataronse da existencia doutra cultura, a cultura popular como instrumento pedagóxico e como instrumento normalizador fronte da cultura oficial. A arte popular marcha ceibe pola historia sen se coñecer o seu camiño máis que polo ronsel que deixa. Sen retórica, quedaría así: O máximo valor desta terra foi e segue a ser a súa xente.
Un coñecido escritor alemán, preocupado pola voz dos de abaixo, dos humildes, dos vencidos e dos perdedores da historia, preguntaba nun poema (Preguntas del obrero ante el libro o del trabajador que lee) polos obreiros e traballadores que construiron obras tan monumentais coma a muralla china. Hoxe, seguindo a estela deste poeta eu tamén recelo da historia imposta que nos obliga a repetila no canto de contribuir a facela. Por eso me quero referir moi brevemente á outra historia, a esquencida, a que non aparece nos manuais nin nas escolas. As dos homes humildes que fixeron posible o que hoxe somos e o que foron os grandes homes da nosa vila. Con razón dicía Manuel Antonio que esta vila nosa era coma un museo de mariñeiros vellos que grabaron e imprentaron nas pedras da ribeira a súa emotividade e se non fora por eles, os poetas non saberían que o ronsel se chama así. Ata tal punto é auténtico o mariñeiro de Rianxo que podería ser o prototipo de galego que non renuncia á súa personalidade. O mariñeiro de Rianxo a pesar dos seus ollos panorámicos e dos seus ouvidos políglotas retorna sempre coa palabra nativa nos beizos.
A autenticidade e dignidade dos nosos mariñeiros é a razón pola que os nosos escritores evocaron unha e outra vez a Peito Duro, Peito de Lobo, a Ñames e Pasmita, ou a Pepina Tayoya, que non son personaxes de fantasía, son personaxes populares, de carne e oso, que eles souberon trascender e facelos ficción para que endexamais morreran, para que permanezan vivos na memoria da humanidade. Todos eles están a falar, desde Rianxo, cos habitantes do Macondo de García Márquez, cos da Comala de Juan Rulfo ou cos do  Bos Aires de Borges.
Os personaxes dos nosos escritores están arrincados desta vila e reuníanse  na taberna da Zurela ou na Rabaleira para falar do divino e do humano. Alí están aínda a parolar mentras un patache do Freixo está a descargar un cargo de sal no medio das sinxelas lanchas xeiteiras, o Chuvasco aquel home de tan grande cabeza, que parece o bico da Piruleira, que o mesmo canta de baixo nos rosarios e novenas que ata as redes rachadas ou aparella un galeón; está tamén O Manicas, o mellor bailador da vila, que nos domingos deixa  na da Zurela, todo-l-os cartos ganados no mar na semana enteira; e a quen soio Peito Duro a piñas leva pró barco cando van para o mar os homes o luns ó saír a estrela; tamén están O Chaverus, Bicho, Gago casado c´oa Muiñeira- Ñames que está casado con Pepa de Quitolas; Cachola, Patudo, Remido, Galabocho, Cacho, Paxaro; Mosquiñas, e cen mais d´a mesma caste que se sentan na ribeira. Espartero está na porta da súa casa e ve pasar ao señor Juanito O Garreante, personaxe d´A Fiestra Valdeira mítico patrón do galeón dos Pérez que regateaba con Ñames e con Marcos do Pazo cando viñan de Vilagarcía. Vai na compaña do Sr. Benito o Galbán, o mellor rexidor da belisca na taberna dos Pérez, do Sr. Manuel de Paulos, do Sr. Manoel de Quitolas e do Sr. Miguel o Pintureiro, O Fardelo, o mellor colledor de ostras de ladeira  e o vello Patillas, todos homes de espíritu san e honrado, da mellor fidalguía mariñeira.
Nomeados co alcume que é o auténtico bautizo dos veciños, o auténtico nome da nosa xente. O Don queda reservado para don Severo, o bispo rianxeiro Arauxo Silva, para súa nai dona Xusta ou para médicos, don Rafael e don Pepito  mestres coma dona Dorinda e fabricantes coma Goday, toda xente importante.
 Ninguén mellor que o célebre Fariña para resolver a laberíntica e complexa relación entre autor e personaxe que tanto preocupou a Unamuno: cando don Xosé Arcos lle encarga un papeliño curto de catro palabras nun apropósito que escribira para ser representado con intención crítica, Fariña pousa o farol que levaba no escenario e lanza un discurso de media hora, espontáneo e baril, rebelándose contra do papel que tiña que facer, que non era o do personaxe que representaba, era de si mesmo. Mesma solución e lectura existencial nos ofrece o caso de Peito de Lobo, veciño de Rianxo e personaxe dos Retrincos de Castelao, que se vai facendo vello ó mesmo tempo que se deteriora o cabezudo que o representa e acaba dicíndolle ao autor: ¡Alá se foi o cabezudo, señor! Cando morre Fariña, en abril de 1919, o xornal Galicia Nueva de Vilagarcía lamenta que Castelao perdese a un dos seus modelos.
Arturo Noguerol, mártir da Libertade, secretario do concello de Rianxo por un tempo, anotaba nun caderniño as frases ilustres dos mariñeiros e viaxeiros que iban na motora do Carqueixa, de Rianxo a Vilagarcía. “Touciño”, mariñeiro, dixo esta greguería sen ter lido a Gómez de la Serna: “Polo mastro da motora soben tantos xuramentos do patrón que se as gaviotas tivesen un receptor de radio perderían a inocencia”.
E Rita, mandadeira e tratante de ovos, escoitando dicir a un veraneante madrileño que se fose pintor fixaría no lenzo as cores do solpor, díxolle como se nada: “Pois para axuntar todos eses tons hai que saber moito e andar axiña porque nun instantiño a luz xa é diferente e cómpren outros pinceis”. E a señora Fanchuca, que non sabía ler pero que saía á porta da súa casa e dicía con sabida e audaz metáfora: “Non hai unha nube onde enganchar o candil”.
Eran tempos nos que os cons enriscados eran os atracadeiros, cando non varaban as embarcacións na area donda da praia. Con razón aquel cantar:
Santo San Bartolomeu
que estás no medio da Ría
por un lado tes Rianxo
por outro Vilagarcía.
Rianxo era unha vila humilde pero tiña hermandade e nobreza dabondo, cunha solidariedade absoluta que se traducía nunha organización do traballo fondamente social: creáronse as compañías de aparello, de carácter patriarcal, con quiñón de reparto, a parva, a ración de pan e viño, a obriga colectiva e proporcional para médico e para as festas patronais. Estas compañías eran verdadeiros gremios protectores, mesmo dos rapaces que empezaban a ir ó mar desde que podían gatear os barcos . Na nosa vella vila non había traizón, había irmandade e nobreza. . Nos casos de desgraza ou infortunio –naufraxio, incendio, morte- existía unha solidariedade absoluta. Tamén se mostraba unánime o sentimento colectivo nos acontecementos memorables, que eran festexados por todos como propios, tal como nos conta Roxelio Pérez. Os mariñeiros de Rianxo sabían daquela que unha alegría compartida transfórmase en doble alegría; e unha pena compartida transfórmase en media pena.
Todas estas persoas e outras moitas das que non temos noticia son on obreiros que construiron a gran muralla china, son os labradores anónimos dos sulcos esquencidos da historia. Son os coautores, xunto cos Castelao, Dieste e Manuel Antonio, de todo o mellor que podemos ofrecer a Galicia e ao mundo enteiro.
Levo citado na miña alocución a numerosos personaxes rianxeiros de moi distante e distinta condición, pero todos, absolutamente todos, comparten, directa ou indirectamente, a dor da ausencia, a dor da emigración, que azoutou a este concello con especial dureza despois de 1918. Non poderiamos explicarnos como pobo sen a dramática experiencia da emigración. Non é o momento de explicar os sentimentos encontrados e os sufrimentos que este fenómeno social ten provocado entre nós.
Non parecen estas palabras as máis axeitadas para días festeiros, pero por outra banda é bastante frecuente oír a pregoeiros e autoridades políticas que evocan ós nosos familiares e veciños ausentes para que os fagamos presentes. Que non é outra cousa que unha loable invitación a ser solidarios coa xente que non pode disfrutar con nós en días sinalados do ano. Neste contexto, xa que logo, podemos tamén facer unha homenaxe ós ausentes honrando ós emigrantes presentes, aínda que estes sexan africanos, americanos, negros ou mestizos pero sempre persoas dignas de respeto e necesitadas de que os tratemos humanamente que non é outra cousa que intentar poñernos no seu lugar, que é o lugar no que estiveron tantos e tantos veciños nosos no pasado e aínda no presente.
Pero nada mellor pode representar este escenario que levamos debuxado –paisaxe, vila, xentes do pobo, cultura popular escritores, emigación, etc- que a Rianxeira, canción embaixadora de Galicia. Nacida na alma do pobo de Rianxo, lévana os emigrantes a Bos Aires e remózana para regresar fresca e ventureira coma as ondiñas do mar.
Cantar a Rianxeira é como atoparse uns vellos amigos da infancia, evocar cousas de amable e feliz lembranza. A Rianxeira é unha sagrada herdanza dos nosos maiores e temos a responsabilidade de conservala e de encomendarlla aos que veñen detrás porque así, como quería Manuel Antonio, cumpriremos co noso deber de defender a nosa personalidade, o que temos de propio, de noso, o que nos distingue dos demais. Deber este, por certo, ben descoidado, e sobre o cal falaría si o tempo non me prohibise abusar da vosa atención pra poñer de manifesto o vergoñento que resulta ver como a cotío nos esquencemos da nosa fala e renegamos da nosa tradición de galegos.
A Rianxeira, soamente no seu retrouso encerra moita máis sabidoría que o libro dun intelectual, porque recolle toda a sabiduría do pobo enteiro. Encerra o sentimento do mar, da vida, o sentimento da ausencia, dos nosos emigrados, o sentimento relixioso para os crentes e mesmo o sentimento socio-político e identitario. Empezou sendo himno relixioso, transformouse en himno cívico nas mans de ABC (Anxel Baltar Cortés), que lle encarga a imaxe pétrea a Asorey e remat sendo puro sentimento popular con Romero e Pinciñas (Ondas da nosa Ría) cos arranxos de Bernardo del Río. (Rianxeira).
E esta nosa Rianxeira, un cantar refeito unha e outra vez a través dos anos, tampouco sería posible sen a fértil tradición das xentes desta vila. Porque durante moito tempo, aínda non había alumbrado eléctrico na vila, as mulleres, escollían o peixe na prais coa luz dun farol de aceite, formando corros.. A cotío no balbordo das conversas e das poxas xurdía unha voz limpa e entonada, iniciando unha cantiga vernácula. Deseguida se formaba un coro, en armoniosa polifonía coma se unha batuta invisible o dirixira. Despois, ó longo das rúas, aínda se repetían as cantigas das pescas que levaban o peixe a outras vilas e aldeas, ó fío da madrugada. E aquelas voces afinadas e cheas de sentimento, iban perdéndose lentamente ata morrer na distancia coma un doce suspiro.
Con estas voces das mulleres rianxeiras esvarando na nosa memoria, é o momento de rematar desexándolles a todas as persoas presentes e ausentes que nos sintamos próximos e solidarios para así mellor preservar o futuro desta vila e disfrutar das festas da Guadalupe 2014.
¡VIVA RIANXO!