Concellería de Promoción económica, Desenvolvemento local e Comercio
A concelleira de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, Adelina Cés Quintáns, fixo onte a entrega de diplomas ao alumnado participante no curso de venda electrónica EMPEZAR A VENDER EN INTERNET, desenvolvido dentro da campaña “En Rianxo, ao noso xeito”, organizado por esa concellaría e mais o Servizo de Normalización Lingüística.
A formación foi impartida por Agustín Pérez, especialista e docente en mercadotecnia dixital, comercio electrónico, empresa e turismo, e incluíu unha introdución á venda en liña, con especial referencia ao pequeno comercio; como poñer en funcionamento unha web propia de vendas, ferramentas técnicas e recursos para fidelizar a clientela, xunto co deseño e elaboración da propia web.
O obxectivo desta actividade é dinamizar o sector económico rianxeiro e facilitar melloras para os negocios locais, co fin de ofrecer un mellor servizo e ampliar o ámbito de influencia das empresas rianxeiras, tendo como referente a lingua galega como elemento indispensable do traballo diario e na atención á clientela.
A campaña de dinamización do comercio e da hostalaría rianxeiras “En Rianxo, ao noso xeito” continúa a súa implantación e segue aberta para que se poidan sumar novos establecementos. En breve comezará a deseñarse unha páxina web para promover todos os establecementos e negocios rianxeiros co obxectivo de dalos a coñecer e situalos no mapa, e facilitar, deste xeito, o acceso da veciñanza e das persoas visitantes.
Para formalizar a súa adhesión deberán poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (normalizacion@concelloderianxo.gal ou no teléfono 881988891).