Educación e Cultura

- EXPOSICIÓN: "Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia" - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN XERAL

Centro Sociocultural - Auditorio
Rúa dos autores da Rianxeira s/n, Rianxo

981 100 688

cultura@concelloderianxo.gal

Concellería de Educación e Cultura

Horario de inverno:
​​​​​​​luns - venres: 08.00 - 15.00
 

Horario de verán:
luns - venres: 08.00 - 14.00
​​​​​​​

Subvencións a concellos e entidades locais para o mantemento ou creación de postos de traballo de persoal técnico nos servizos municipais de cultura. Mantemento do persoal técnico en animación sociocultural

EDUCACIÓN E CULTURA

EXPOSICIÓN: "Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia"

Na sala de exposicións do Auditorio poderá visitarse, dende o 20 de xuño ao 22 de xullo, a exposición «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» de Afundación, ABANCA e o Concello de Rianxo.

O acto de inauguración e unha visita guiada terán lugar o martes 20 de xuño ás 12.00 horas.

 

Os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante alén do territorio español. As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington.

A mostra presenta setenta imaxes que constitúen un completo relato documental dunha época de transición, debido á entrada de potentes aires de cambios procedentes de Europa da man dos intelectuais do grupo Nós. Ruth Matilda Anderson recolleu en imaxes e en anotacións minuciosas o que atopou nas súas expedicións —a primeira, acompañada do seu pai entre 1924 e 1925, e a segunda, coa súa compañeira investigadora na Hispanic Society, Frances Spalding, entre 1925 e 1926—.

No ano 1924 desembarcou no porto de Vigo Ruth Matilda Anderson, acompañada polo seu pai, Alfred Theodore Anderson, e por un completo equipo fotográfico que provocou o asombro de todos os oficiais de aduana. Logo das oportunas explicacións para gravar os impostos de entrada, pai e filla iniciaron unha expedición de, aproximadamente, un ano para documentar a esencia de Galicia que procuraba Archer Milton Huntington, reflectindo o traballo de campo etnográfico e o académico, de modo que se amosase unha visión do estudo da cultura hispánica en todas as súas facetas. Para este propósito, Huntington recorreu á Clarence H. White School de fotografía na busca de profesionais que retratasen a España dos anos vinte, con dúas condicións en mente. A primeira, terían que ser mulleres, e a segunda, de relixión cristiá. Consonte o explicado polo conservador de The Hispanic Society of America, Patrick Lenaghan, este último condicionante podería responder, quizais, á «moral conservadora da época». Deste xeito, no ano 1921 Ruth Matilda Anderson foi contratada como fotógrafa investigadora na Hispanic Society e en 1924 partiu para España no primeiro encargo de Huntington. Acompañada polo seu pai, percorreu Galicia, aprendeu as linguas, castelá e galega, e os costumes, dirixiuse ás aldeas e falou coa xente. O seu trato tan próximo coas mulleres e homes de Galicia favoreceu que o seu traballo reflectise con tanto coidado e empatía a realidade galega dos anos vinte.

Consonte o programa estratéxico da Área de Cultura de Afundación que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo, decidiuse impulsar a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das sedes da entidade e trasladala ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades de Afundación. A colaboración de ABANCA, institución que comparte esta premisa dinamizadora do coñecemento, e mais do Concello de Vilagarcía de Arousa posibilitou que o legado fotográfico de Anderson poida ser contemplado en Galicia. O seu traballo asentou a metodoloxía investigadora que habería de adoptar The Hispanic Society of America, que, na actualidade, expón unha escolma dos seus fondos no Museo Nacional do Prado.