Educación e Cultura

- Sobes ao autobús do teatro? Nada se sabe - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN XERAL

Centro Sociocultural - Auditorio
Rúa dos autores da Rianxeira s/n, Rianxo

981 100 688

cultura@concelloderianxo.gal

Concellería de Educación e Cultura

Horario de inverno:
​​​​​​​luns - venres: 08.00 - 15.00
 

Horario de verán:
luns - venres: 08.00 - 14.00
​​​​​​​

Subvencións a concellos e entidades locais para o mantemento ou creación de postos de traballo de persoal técnico nos servizos municipais de cultura. Mantemento do persoal técnico en animación sociocultural

EDUCACIÓN E CULTURA

Sobes ao autobús do teatro? Nada se sabe

Sobes ao autobús do teatro? Programa de mobilidade do Centro Dramático Galego

O Concello de Rianxo participa novamente no programa de mobilidade do Centro Dramático Galego, coa proposta para asistir á obra "Nada se sabe", espectáculo pioneiro arredor da inclusión. Catro intérpretes con diversidade funcional cuestionan sobre o escenario a visión que a sociedade ten sobre a diferenza a partir dun texto orixinal de Manuel Lourenzo, e baixo a dirección de Ignacio García e Fran Rei.

  • Lugar: Salón Teatro de Santiago de Compostela.
  • Data: Sábado, 08 de febreiro
  • Prezo: 5 euros
  • Hora de saída do autobús: 15.45 h, dende o Auditorio de Rianxo
  • Hora de regreso do autobús: 20.00 h, tras a función

Para máis información e inscricións, podes contactar no teléfono 981 100 688 ou enviar un correo a cultura@concelloderianxo.gal. Ata completar prazas e por riguroso orde de chegada.

+ infor: Nada se sabe 

Nin isto sequera sei, que nada sei; conxectúroo, porén, de min e dos demais. Sexa esta proposición a miña bandeira; esta débese seguir: Nada se sabe.

Con esas palabras dubitativas comeza a obra do século XVI Quod nihil scitur (Que nada se sabe) de Francisco Sánchez “O Escéptico". Un antecedente  da dúbida metódica cartesiana, de cuestionar sistematicamente o mundo como medio de aproximarse á realidade sen prexuízos. Nunha sociedade como a nosa, de certezas impostas, dubidar é revolucionario.

Partindo deste punto, dúas actrices e dous actores repasan diversas visións da discapacidade no teatro clásico, deténdose nunha adaptación moderna escrita por Manuel Lourenzo de Filoctetes, unha das traxedias gregas de Sófocles, na que se presenta a idea da diferenza, da persoa discriminada, diferente, que a sociedade non sabe (ou non desexa) incluír. Desde o seu propio punto de vista, o elenco resignifica eses textos desde esa diversidade, advertindo ao público e á sociedade de que Nada se Sabe sobre o que as persoas con discapacidade son, pensan, senten, queren, e da posición que desexan ocupar na vida, na sociedade e na arte.

Medidas de accesibilidade:

  • Interpretación a LSE.
  • Visita táctil nas funcións dos sábados e domingos, ás 17h.
  • Audiodescrición (debe soliciarse no despacho de billetes media hora antes da función e as persoas usuarias teñen que achegar os seus propios auriculares).